
María Méndez subliñou a importancia de desenvolver iniciativas de sensibilización como a que se está a desenvolver a través do teatro. Neste mesmo sentido se manifestou o presidente do Fondo, Alfredo Novoa, quen salientou que se trata dun proxecto novidoso que permitirá configurar un espectáculo itinerante por diferentes localidades galegas nas que se inclúe Vigo. “Trátase dun proxecto moi interesante, porque a concienciación para a solidariedade e a cooperación é fundamental”, sinalou o director da ESAD, Manuel Viéitez, quen salientou asemade a importancia de que os creadores sexan “creadores solidarios e implicados no desenvolvemento dunha sociedade máis xusta”.
A coordinadora do proxecto, Mariana Carballal, explicou que no proxecto traballan arredor de 40 persoas para estruturar un espectáculo configurado en tres partes, “a primeira delas como se fose un pasarrúas inspirado nas romarías galegas; a segunda, xa dentro do teatro, integrada por diferentes sketchs baseados en diferentes temas; e a terceira na que se abra un debate co público”. Asemade sinalou que a previsión dos organizadores é que a xira comece no mes de setembro, “aínda que indicou que haberá unha previa en maio na cidade de Vigo”.