29 enero 2009

Angoares preocupada polo futuro do cruceiro do campo da festa


PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- A Asociación de Veciños e Veciñas de Angoares quere mostrar a súa preocupación pola futura recuperación do cruceiro que até fai uns días estaba no campo da festa da parroquia.
O cruceiro apareceu destrozado fai un tempo logo dun accidente de circulación. Desde entón, a Asociación denunciou os feitos ante a Policía Autonómica e interpelou ao Concello para que recollese e custodiase os restos, co obxectivo de que non se perdese ou desaparecese ningún destes e do mesmo xeito poder así recuperalo nun futuro.

A Asociación púxose en contacto co Alcalde e co Concelleiro de Cultura para que fixeran o posible para depositar adecuadamente os restos do elemento patrimonial nun lugar axeitado.
Por último, o colectivo de veciños e veciñas espera que este elemento do patrimonio cultural da parroquia sexa restaurado adecuadamente e o antes posible. O patrimonio da parroquia é rico en cruceiros, pontes, fontes, petos de ánimas e conta, ademais, coa única igrexa de planta de cruz latina e ábside rectangular de Galiza, unha das tres que hai no Estado Español.