VIGO (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, sinalou, hoxe en Vigo, que o PP está a converter o insulto aos traballadores públicos nun argumento electoral. Quintana respondía así, ás manifestacións feitas polo PPdeG sobre o proceso de contratación dos traballadores do Consorcio. Para o vicepresidente o PP equivócase utilizando electoralmente, un proceso que ten por obxectivo dar estabilidade ao emprego, cumprindo co acordado cos sindicatos. O PP sinalou Quintana, “non se da conta de que, no seu afán electoralista, o que fai é insultar aos traballadores públicos que teñen todo o dereito do mundo a aspirar a que o seu traballo sexa estable e fixo”.
Quintana asegurou que se trata dun proceso de selección de persoal “transparente e limpo, no que os tribunais, conformados por representantes da Xunta de Galicia, pero tamén por representantes dos concellos, maioritariamente do PP, non puxeron ningún problema”. Neste senso, sinalou o vicepresidente, o proceso de selección do persoal iniciouse xa hai meses e non ten nada que ver coa proximidade das vindeiras eleccións autonómicas. Sería totalmente “irregular e ilegal”, dixo, utilizar un proceso deste estilo porque se convoquen as eleccións.
O vicepresidente da Xunta explicou que despois dun proceso de selección para a primeira provisión de prazas, os sindicatos reclamaron “con xustiza” que os postos de traballo do Consorcio tiveran un carácter “estable e permanente”. Son os sindicatos, sinalou os que o teñen solicitado e “nós temos accedido a proceder a un concurso público para cubrir con carácter estable eses postos de traballo”. Este proceso, reiterou, “iniciouse hai meses e que non ten nada que ver coas eleccións”.
Concurso eólico
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, pediu que rematen as polémicas xeradas en torno ao concurso eólico. “Son absurdas e non teñen sentido”, sinalou porque “o importante do concurso eólico é que é un fito histórico, porque por primeira vez en Galiza a produción da enerxía eólica vaise poñer ao beneficio da xente, dos galegos e galegas”.
O vicepresidente explicou que se vai mobilizar un volume de investimento superior aos 1.000 millóns de euros, e que coa aplicación do plan eólico e dos proxectos industriais asociados vanse xerar 8 mil postos de traballo, algo “moi importante en tempos de crise”. Para o vicepresidente isto é o realmente importante e todo o demais é perderse en “polémicas absurdas”.
Datos paro
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, sinalou hoxe en Santiago que os datos do paro correspondentes ao terceiro trimestre do 2008, feitos públicos esta mañá, “seguen revelando unha mellor situación de Galiza con respecto do Estado, pero é evidente que estamos ante unha crise cuxo final aínda non se vislumbra”.
Para o vicepresidente, “chegan meses difíciles” e segundo sinalou, é preciso afrontar estas cuestións con valentía porque “non vale esconder os datos, mirar cara outro lado, nin trasladar a mensaxe de que aquí non pasa nada. Este é o momento para a valentía política, para dar a cara, o momento de crer no país, nos seus recursos e na súa xente”.
Quintana lembrou que esta non é a primeira vez que Galiza ten que enfrontar momentos difíciles e sinalou que o goberno galego aínda que non ten na súa man solucionar a crise, si que “ten na súa man poñer todo o autogoberno e todos os seus mecanismos para intentar paliar a situación e iso é o que estamos a facer e esperamos ter a oportunidade de seguir facéndoo”.