MADRID (MORRAZO-tribuna).- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, criticou esta tarde, na comparecencia do Ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, na Cámara, a actitude da UE e da ONU nos 22 días de bombardeos ininterrumpidos de Israel sobre a poboación palestina na franxa de Gaza . “A UE e a ONU non estiveron á altura da gravedade dos feitos, unha falla de autoridade que permitiu a Israel, mais unha vez, campar ás súas anchas polo imposíbel camiño da violencia, da morte e da destrucción”.
A UE debe estar para algo máis que xestionar a destrucción
Davila demandou outra dimensión diplomática por parte das potencias occidentais, “menos titubeante, menos hipócrita e menos complacente co Estado israelí”. Dixo ao Ministro que a UE debería estar “para algo máis que para xestionar a destrucción”. E lembrou que Israel ten un estatus de “estado asociado á UE”. Reprochou que nunca se sancionar nen económica nen doutro tipo ao estado hebreo.
Sinalou que o BNG agardará aos froitos das iniciativas diplomáticas iniciadas unha vez declarada “esta tambaleante tregua”, a ver como evoluciona, “pero demandaremos sancións e medidas contundentes contra Israel se incurre de novo na espiral da matanza sen fin”.
Referiuse ao acontecido nestes últimos dous días, no que se reiteraron os ataques. Fixo alusión aos dados dos bombardeos, que, “a pesar da frialdade das cifras, estremece ouvir o reconto: en 22 días morreron 1.400 palestinos, 400 deles nenos, e se contabilizaron máis de 5.000 feridos. Na parte israelí, o reconto son 13 mortos, e 200 feridos. “A diferenza é clara, dá mostra da existencia dun Estado con legalidade para mercar armas e un pobo sen Estado desamparado”.
Venda de armamento a Israel
A deputada do BNG reprochou que Israel “estea perfectamente abastecido de armamento por parte de moitos estados occidentais, entre eles o español”. Aludiu á pregunta que un cidadán fixo a Zapatero no programa de TVE, “Teño unha pregunta para vosté”, sobre a venda de armamento a Israel. A cuestión, dixo, xa non é a cantidade económica senón o feito de que se comercia con Israel en armamento.
Preguntou a Moratinos se o Goberno español comparte a alternativa de reconciliación dos palestinos, incluindo a Hamás. Engadiu que o BNG “non pón en cuestión ao Estado de Israel, pero o mesmo dereito que ten o Estado hebreo debe telo o palestino”.
Recoñeceu ao Ministro de Exteriores os seus esforzos en aras a estabilizar a zona e lograr unha paz duradeira.