A ESTRADA/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, asegurou hoxe que durante a súa visita ao Concello da Estrada aproveitou para analizar os investimentos que o seu departamento achega á mellora da casa consistorial e dos servizos públicos da Estrada, poñer en valor a acción da agrupación de voluntarios de protección civil da localidade e agradecer as facilidades dispostas polo Concello para posibilitar unha solución provisional para a apertura do novo xulgado da Estrada –que comezou a funcionar este mes-. Con medidas deste tipo, o conselleiro avogou por ter cada día “administracións más eficaces”, “máis preto do cidadán” e “máis accesibles” e garantir maior grao de calidade na prestación de servizos.
Méndez Romeu agradeceulle ao alcalde, José Antonio Dono, e á corporación as facilidades para conseguir unha solución temporal para abrir o segundo xulgado da Estrada. Deste xeito, mentres se aproba definitivamente o plano de urbanismo, “hai unha solución que permite que o servizo público da xustiza neste partido xudicial acade cotas de eficiencia moi importantes e a xuíza, o secretario, a fiscalía e os funcionarios traballen en condicións axeitadas”, segundo dixo. Non obstante, o conselleiro explicou que isto non é contrario a realizar o investimento necesario para levar adiante un edificio de nova planta no momento que o plano estea preparado para facer que o partido xudicial da Estrada teña “o nivel simbólico de representación” axeitado aos tempos actuais e ao carácter que o Goberno galego lle quere dar á xustiza “como un servizo de proximidade, modernidade e de eficiencia”.
Así mesmo, lembrou que a Consellería de Presidencia realiza un “investimento importante” na casa consistorial e na mellora dos servizos públicos da Estrada, consciente do pulo que o Concello lle está dando aos mesmos. Esta medida vai dirixida, segundo o conselleiro, “á mellora da atención aos cidadáns, da prestación e da eficiencia dos servizos públicos municipais e ás mellores condicións de traballo”.
Ademais, o dirixente autonómico, puxo en valor o “carácter exemplar dentro de Galicia” da agrupación de voluntarios de protección civil da Estrada. Neste sentido, dixo que se trataba dunha agrupación “modélica” en número de efectivos, equipamento e ámbitos de actuación. “A través deles queremos renderlle unha liña de gratitude ao conxunto dos operativos que en toda Galicia, a cotío e especialmente en circunstancias adversas como o pasado fin de semana, dan un exemplo permanente de civismo, cooperación, solidariedade na entrega e resolución de problemas que afectan á convivencia”, asegurou. Así mesmo, expuxo que os voluntarios son un “elemento fundamental na resposta ás incidencias nas emerxencias” xunto cos bombeiros e demais operativos como axentes policiais ou servizos sanitarios.