VIGO (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, adiantou esta mañá en Vigo os proxectos do seu departamento para estender a Rede de Centros Quérote ás vilas de tamaño intermedio e máis a creación dun Plan Estratéxico de Promoción e Actuación en Materia Afectivo-Sexual para a Mocidade Galega que estaría listo nos primeiros meses da próxima lexislatura. Quintana fixo estas declaracións durante a inauguración en Vigo das xornadas Sexuando, que se celebran hoxe e mañá sábado no Verbum.
Anxo Quintana, apostou na apertura deste foro por conseguir que o noso País sexa unha referencia europea non só no nivel de asistencia en materia afectivo-sexual, senón tamén na creación de pensamento sobre o binomio mocidade-sexualidade. Neste senso, salientou que os Centros Quérote son unha iniciativa pioneira no Estado que mesmo está a espertar o interese doutras Comunidades que se teñen achegado ao noso país para coñecer de primeira man a experiencia dos Quérote. Pero asegurou que Galiza aspira a máis, no camiño de conseguir converterse en referente na transferencia de coñecementos sobre estas temáticas. “Estamos abertos a facelo e ademais no momento propicio para conseguilo, porque temos sentado as bases do noso modelo e hoxe dispoñemos dos instrumentos, as infraestruturas dos centros e o equipo humano necesario”.
“Durante moitos anos, en Galiza deixouse fóra da axenda estas temáticas”, dixo, e engadiu que “esa exclusión foi aínda máis evidente en materia de orientación sexual á mocidade”. Por iso, Quintana asegurou que este Goberno “se ten mobilizado con información a prol da liberdade, no convencemento de que detrás dunha información sexual completa e veraz está a prevención, a autoestima, a responsabilidade, a deconstrución de estereotipos, a liberdade, o combate dos prexuízos e de calquera forma de discriminación por razón de opción sexual”. “Estes son os valores que é preciso mobilizar para que cada un poida exercer unha verdadeira soberanía sobre o seu corpo e a súa vida”, recalcou.
O vicepresidente galego chamou a facer un esforzo e dar paso a unha nova etapa na que a sexualidade sexa tratada sen escuridade, sen medo e sen complexos, para abordar a sexualidade coa necesaria madurez. Esta tarefa, asegurou, “require dun compromiso público, un compromiso liderado polas administracións”. Así, segundo dixo, o obxectivo deste Goberno “pasa por garantir dereitos, por ofrecer información e recursos para que a toma de decisións sexa verdadeiramente libre”. A isto resposta o nacemento da Rede de Centros Quérote, un servizo público e gratuíto que ofrece un modelo en positivo, aberto e integral que xira arredor da afectividade.
Obxectivos cumpridos
Quintana lembrou que na posta en marcha da Rede Quérote están acadados e mesmo superados os obxectivos fixados para a lexislatura de contar en Galiza con sete centros de asesoramento afectivo-sexual, que xa funcionan en Santiago, Lugo, Ourense, Vigo, Ferrol, A Coruña e Burela, e aos que se engadirá neste primeiro trimestre do ano outro centro en Pontevedra, co que se completa a primeira fase de expansión dos Quérote. Neste senso, afirmou que “un programa electoral é algo máis que papeis usados como mercadoría; é un proxecto e unha estratexia para cumprir, e nós cumprimos: comprometemos sete centros, e pronto serán oito”.
Ao respecto, quixo destacar que, cos 7 centros abertos, Galiza supera xa os obxectivos marcados pola Organización Mundial da Saúde, que establece a necesidade de crear servizos específicos e integrais de información e saúde sexual para a mocidade nunha proporción de 1 centro por cada 100.000 mozos entre 10 e 24 anos, fixando o horizonte temporal do 2011 para acadar esta ratio. Segundo detallou Quintana, Galiza dispón hoxe dun centro Quérote por cada 55.400 mozas e mozos galegos entre 10 e 24 anos, duplicando así a ratio recomendada, polo que asegurou que “damos un paso importante para o país poñéndonos á cabeza europea”.
Recurso de calidade
Pero máis alá de resultados cuantitativos, o vicepresidente quixo facer un balance en termos de calidade do proxecto, e neste senso subliñou o carácter integral da Rede. En primeiro lugar destacou que se trata dun servizo innovador e accesible, con varios canais de información (presencial, liña telefónica 900 e portal web); apuntando ademais a súa vocación de servizo de proximidade, móbil e dinámico, que leva realizado xa intervencións en máis de 50 centros educativos, servizos sociais e asociacións e que conta cun stand móbil que se despraza polos lugares nos que se concentra a mocidade (festivais, concertos...) atendendo a máis de 30.000 persoas.
Ao tempo, explicou que se trata dunha rede interconectada e homoxénea, que integra un equipo de 24 persoas e que mesmo dispón de sistema de vídeo-conferencia para mellorar o nivel de resposta dos seus profesionais , que aposta ademais pola avaliación continua para mellorar a eficiencia e calidade do servizo.
Novos retos
O vicepresidente asegurou que, acadado o obxectivo de contar con 7 centros dentro da rede, e mesmo superado coa apertura do de Pontevedra, “imos seguir adiante”. Na axenda deste proxecto, dixo, “está a vontade e a responsabilidade de que somos con este servizo unha comunidade de referencia e marcámonos novas metas nunha dobre dirección: completar o servizo actual e melloralo e converternos en referencia non só no servizo senón tamén en materia de pensamento”. Neste senso, sinalou que os próximos pasos se centran, por un lado en planificar a expansión comarcal da rede Quérote, coa implantación deste recurso nas vilas de tamaño intermedio, e por outro en redobrar esforzos para que a rede teña maior capacidade de penetración social.
Coa atención posta na transferencia de coñecementos, Quintana adiantou que se vai intensificar a actividade dos stands móbiles, a convocatoria de charlas e actividades itinerantes e potenciar unha maior presenza da información afectivo-sexual nos medios de comunicación galegos. Ademais, apuntou que a intención da Vicepresidencia é implicar tamén ás Universidades neste reto para que poidan implantarse en Galiza prograos sobre a materia que hoxe só existen en contados lugares do Estado.
Todas estas iniciativas integraranse, segundo dixo, no futuro Plan Estratéxico de Promoción e Actuación en Materia Afectivo Sexual para a Mocidade Galega, que estará listo nos primeiros meses da nova lexislatura.
Xornadas Sexuando
Neste mesmo camiño van dirixidas algunhas novas iniciativas como estas xornadas Sexuando, que “resumen esa vontade de intercambio, diálogo e experiencias compartidas e que van servir para sacar reflexións nas que asentar este Plan Estratéxico”. As xornadas contan con máis de 200 participantes e prestixiosos relatores, o que as converte nun foro cualificado no que achegar ideas e formación para dinamizar o debate arredor destas temáticas.