21 enero 2009

Vigo : O tenente de alcalde anuncia que a primeira biblioteca municipal de barrio ubicarase na rúa Martínez Garrido

VIGO (MORRAZO-tribuna).-O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciaron este mércores que a primeira biblioteca municipal de barrio de Vigo se ubicará na rúa Martínez Garrido. Os nacionalistas salientaron que coas novas instalacións, que ocuparán 400 metros cadrados construídos e supoñen un investimento de 457.404 euros, se quere dar resposta a carencia que a cidade ten neste tipo de servizos.

“Dende que estamos neste goberno, Tenencia de Alcaldía e Concellería de Cultura traballamos na posta en marcha da Rede Municipal de Bibliotecas de Barrio”, salientou o tenente de alcalde, quen indicou que a cidade “está a cola neste tipo de infraestruturas tendo en conta o número de mozos e mozas e de estudantes, en comparación a outras cidades de similares características”. Santi Domínguez lembrou que a Biblioteca Central é a única biblioteca pública existente, á que só se suman as bibliotecas existentes nos diferentes centros culturais.

Segundo o nacionalista, a construción desta nova infraestrutura na rúa Martínez Garrido busca dar cumprimento ao compromiso de creación de novas bibliotecas, así como potenciar o uso das salas de lectura. “A biblioteca dará resposta á demanda da zona e en colaboración coa Biblioteca Central servirá para fortalecer as salas de lectura existentes”, subliñou. O tenente de alcalde salientou que coa ubicación das bibliotecas fóra do centro se quere “achegar os servizos ás parroquias da cidade”. Como novidade, Santi Domínguez anunciou que a nova biblioteca estará aberta pola noite en época de exames, co obxectivo de “dar resposta a esta demanda”. Asemade, indicou que esta é a primeira biblioteca de barrio, “pero continuaremos coa construción doutra en Navia, que actualmente está en fase de estudo”. O concelleiro de Cultura sinalou que a rede irase ampliando ao longo deste mandato e poderá rematarse no seguinte.

“Rematar coa vergonzosa situación de Vigo no tocante ás bibliotecas foi un dos obxectivos que nos plantexamos dende a Concellería de Cultura, así como poñer fin a idea de que hai cidadáns de primeira e de segunda segundo as infraestruturas que teñen ao seu dispor”, salientou Xesus Lopez, quen indicou que a nova biblioteca contará con 400 metros cadrados construídos arredor dun patio e cunha distribución novidosa. O proxecto de acondicionamento do local inclúe un punto de información e servizo de préstamo; hemeroteca, con doce postos; área de fondos xerais, que terá un total de 9.000 volumes, dos que 2.250 serán fondos infantís; espazo multimedia, con seis postos; espazo para a mocidade; área de fondos de coñecemento; área de fondos de imaxinación, adicado aos máis cativos; área de consulta informática, con dous postos para consultas puntuais; zona de traballo interno e catro aseos (mulleres, homes, infantil e persoas con discapacidade).