23 enero 2009

BNG presenta a sus candidatos de la zona de O Morrazo apelando al fuerte apoyo en esta comarca

MOAÑA (MORRAZO-tribuna).-Esta mañá, os candidatos e candidatas do Bloque Nacionalista Galego, acompañados da número 1 da lista por Pontevedra, Teresa Táboas, fixeron a súa presentación en Moaña. A nacionalista asegurou que “como candidata é unha honra ir acompañada de xente coma Modesta, Uxío, Bieito ou Iria, con tantos anos dedicados ao nacionalismo”.
A actual conselleira de Vivenda lembrou que o Morrazo “é unha das comarcas máis dinámicas da Galiza” e que durante moitos anos, o PP non se preocupou de que contase con solo empresarial. “Había moitos emprendedores que querían instalarse aquí e non puideron”, afirmou. Segundo Táboas, “tivo que vir o BNG para que se empezase a construír o parque empresarial do Morrazo”, cuxas obras de urbanización comezan este ano.


“O BNG preséntase a estas eleccións co aval do traballo feito. Pedímoslles aos galegos que nos dean a súa confianza para seguir cambiando as non políticas do goberno anterior. En tres anos e medio cambiamos moitas cousas, e empezamos a cambiar outras que agora hai que rematar”, dixo a candidata nacionalista.

Táboas tamén falou sobre a problemática dos núcleos do litoral non recoñecidos. “Tivo que vir a Lei de Vivenda impulsada tamén polos nacionalistas para dar carta legal aos núcleos de litoral. Agora, os veciños e veciñas que residen nestes núcleos poderán acceder a subvencións”, lembrou.

Así mesmo, lembrou as políticas do BNG en apoio do medio rural e dos sectores produtivos. “O BNG, a diferencia doutras forzas, sempre apostou polas políticas económicas cos pes na terra e non polas políticas especulativas que tiveron as consecuencias que estamos a ver”, dixo. Criticou tamén o escándalo do voto exterior, afirmando que “como filla de emigrantes, pido respecto pola emigración e pola democracia”, e sinalou a importancia do “tirón de orellas” da Xunta Electoral Central aos dous partidos estatais.

Táboas concluíu o seu discurso afirmando que “podemos estar orgullosos de traballar co corazón e coa cabeza desde e para Galiza” e que “temos o mellor candidato, Anxo Quintana”.

Bieito Lobeira promete “patear a comarca”

O que foi até agora viceportavoz do BNG no Parlamento Galego e actual número 4 da candidatura, comprometeuse a “facer unha campaña moi forte nesta comarca, non só canto aos actos electorais -mitins- senón tamén para manter reunións con todo tipo de colectivos e patear todas as parroquias”.

“Queremos que por fin haxa un presidente nacionalista nun goberno galego que aspire non só a consolidar os logros senón a levar adiante o noso programa e as nosas políticas en todas as áreas posíbeis”, dixo. Lobeira lembrou que “centos de veciños da comarca non van poder exercer o seu dereito ao voto polo simple delito de estaren embarcados na flota de altura, mentres os mortos de Sudamérica si van votar”.

Aboi, Piñeiro, Riobó

A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi (número 9 da lista) destacou as políticas de mocidade do BNG (locais de ensaio, centros de información afectivo-sexual) e dixo agardar “que os mozos e mozas do Morrazo, da provincia e de Galiza confíen máis unha vez no BNG nestas eleccións”. Pola súa parte, o moañés Uxío Piñeiro, responsábel comarcal e candidato número 16, ironizou sobre os problemas do Partido Popular, comparando as liortas desta forza política coa democracia interna que practican os nacionalistas, “onde son os compañeiros e compañeiras de cada comarca os que propoñen quen debe ir nas listas”.

Modesta Riobó, que pecha a lista de Pontevedra tras catro anos como deputada no Parlamento Galego, sinalou que o BNG é a única forza política que presentou candidaturas “paritarias e cremalleiras” e asegurou que a cabeza de lista nacionalista “é unha muller que coñece ben a realidade do país tras catro anos percorréndoo desde o seu labor como conselleira de vivenda”.