VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, anunciou esta mañá en declaracións aos medios de comunicación en Santiago que na primeira reunión da subcomisión de seguimento das infraestruturas “pediremos a Zapatero que presente diante desta subcomisión un plan plurianual de investimentos para a chegada da alta velocidade a Galiza”.
O líder nacionalista quer que o presidente do goberno estatal “diga que é o que se vai investir no ano 2009, en 2010, 2011 e 2012. Se iso se presenta e se é asi”, continuou, “teremos un compromiso de que é posíbel que o AVE chegue a Galiza neste prazo. Se isto non se presenta nese prazo, teremos que reclamar que se modifiquen os investimentos ou que se modifiquen os prazos”.
O líder nacionalista quer que o presidente do goberno estatal “diga que é o que se vai investir no ano 2009, en 2010, 2011 e 2012. Se iso se presenta e se é asi”, continuou, “teremos un compromiso de que é posíbel que o AVE chegue a Galiza neste prazo. Se isto non se presenta nese prazo, teremos que reclamar que se modifiquen os investimentos ou que se modifiquen os prazos”.
En opinión do portavoz nacional, “o problema que temos co AVE é que non temos compromisos. Só hai boas intencións, unha vez máis relatadas en público”, indicou en referencia ao cumio de Zamora. Para Quintana, estas boas intencións, “sempre son satisfactorias e interesantes, pero o compromiso, o que se di compromiso institucional non o temos, e o que fai falla é iso”.
O líder do BNG asegurou que non ten motivos para “dubidar da palabra do presidente Zapatero. El insiste cada vez que fala en público en que o seu compromiso é que o AVE chegue en 2012 e ten que ser consciente de que o 75% da cidadanía galega non o cre”, continuou, “mais aínda asi, eu non teño por que dubidar da palabra do presidente”.
Neste sentido, o portavoz nacional instou a Zapatero a “pasar do compromiso á realidade, do compromiso verbal ao compromiso institucional e iso si serviría para gañarmos a confianza da xente”.
O método para Galiza
O candidato nacionalista e vicepresidente da Xunta opinou que “o método para Galiza non é nin a submisión nin a guerra que nos propón o señor Feijóo, o non porque non, ou 'a por ellos que son pocos y cobardes'”, polo contrario, indicou que “o método é a cooperación intelixente, a esixencia e o compromiso institucional, e os compromisos institucionais teñen que darse nas mesas de negociación e non nas roldas de prensa”.
En referencia aos prazos en que se producirá a primeira reunión desta subcomisión, Quintana considerou “importante que se cumpra o acordo acadado e que esta subcomisión celebre o seu primeiro encontro nos tres primeiros meses do ano. Ése é o acordo acadado e tense que cumprir”.