26 enero 2009

Para estudantes : catro campañas de catro días de duración en augas oceánicas e fondos profundos adxacentes á Ría de Vigo

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O alumnado de 4º e de 5º curso das facultades de Bioloxía e de Ciencias do Mar do Sistema Universitario de Galicia poderán participar na oferta de actividades formativas que terán lugar a bordo do Buque Oceanográfico Sarmiento de Gamboa. Esta iniciativa parte da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Innovación e Industria e ten a finalidade de introducir aos alumnos nas metodoloxías e técnicas empregadas habitualmente a bordo de buques oceanográficos. As actividades terán lugar entre o 10 e o 25 de febreiro en augas oceánicas e fondos profundos adxacentes á Ría de Vigo, porto base do barco. As persoas interesadas en participar deben formalizar a solicitude antes das 14.00 horas do próximo venres 30 de xaneiro.

Esta actividades, coordinadas pola Comisión Técnica do Sarmiento de Gamboa, desenvolveranse en catro campañas de catro días de duración, dúas sobre Oceanografía Física, Química e Biolóxica da columna de auga (do 10 ao 13 e do 18 ao 21 de febreiro) e dúas sobre Oceanografía Biolóxica e Xeolóxica dos fondos da plataforma continental, cantil e planicie abisal (do 14 ao 17 e do 22 ao 25 de febreiro). En cada campaña participarán seis profesores de diferentes especialidades das tres universidades galegas e ata un máximo de 16 estudantes.

As campañas da primeira modalidade achegarán aos participantes ás campañas de investigación oceanográfica abordando a preparación e a montaxe dos equipos, as normas de traballo e levando a cabo tarefas de mostraxe e obtención de datos e de tratamento destes a bordo. Elaboraranse resultados referentes a masas de auga, concentracións de clorofila, taxas de produción primaria e respiración da comunidade planctónica, perfís verticais coas variables físicas, químicas e biolóxicas, etc. Ademais, como actividade complementaria, as persoas participantes visitarán as boias meteo-oceanográficas e de ondaxe.

Nas campañas 2ª e 4ª, centradas na Oceanografía Biolóxica e Xeolóxica, os estudantes traballaran co equipamento xeofísico para a cartografía dos fondos mariños e recibirán explicacións sobre metodoloxía de mostraxe e de caracterización de sedimentos. Achegaranse tamén á metodoloxía de mostraxe en bentos (organismos que habitan sobre os fondos das masas de auga tanto continentais como mariñas, fixos, soterrados no substrato ou desprazándose pola superficie) e de identificación a bordo dos principais grupos zoolóxicos, observando ademais como as diferentes especies se adaptan aos distintos tipos de substrato (sedimentos ou rochas).

Para máis información e para acceder ao formulario de solicitude, os estudantes interesados deben acceder á páxina web da Dirección Xeral de I+D+i (www.conselleriaiei.com/dxidi). Entre as persoas que cumpran os requisitos establecidos, a Comisión Técnica do Sarmiento de Gamboa seleccionará a 16 estudantes por campaña en función da orde de prelación establecidas polo alumno, da súa especialidade ou materias cursadas e do expediente académico. Unha vez finalizadas as actividades, os estudantes redactarán unha memoria sobre a campaña. As Facultades correspondentes están tramitando nas súas respectivas universidades a concesión de tres créditos de libre configuración para os participantes.