VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Federación Provincial de Empresarios de Transportes de Viaxeiros por Estrada da provincia de Pontevedra quere mostrar a súa incomprensión ante a publicación o pasado 2 de xaneiro da relación nominativa dos adxudicatarios dos servizos de Transporte correspondentes ao Servizo Galego de Apoio á Mobilidade.
Dita publicación causa sorpresa xeneralizada na Federación, especialmente tendo en conta o incumprimento da obriga, establecida no artigo 135.3 da Lei de Contratos do Sector Público, de notificación motivada aos concursantes e publicación no perfil do contratante da citada resolución.
Máis de tres semanas despois da adxudicación provisional, segue sen cumplirse un requerimento especialmente relevante aos efectos de dar cumprimento á obriga xenérica de transparencia da Administración en materia de contratación pública, o que resulta incomprensible debido a que as adxudicacións provisionais deben basearse en elementos obxectivos que deben constar nos expedentes e, polo tanto, é difícilmente xustificable a elección dunha modalidade de publicación incompleta e que limita a capacidade de análise dos non adxudicatarios.
Por este motivo, a Federación solicita o seguinte:
- O cumprimento inmediato desa obrigación, entendendo que a notificación debe ser o suficientemente explícita como para permitir un primeiro xuízo de valor dos concursantes non adxudicatarios e non un simple cumprimento meramente formal.
- Que a Vicepresidencia de Igualdade e Benestar Social da Xunta de Galicia redobre os esforzos para facilitar cantos datos e informacións sexan precisas para que as empresas poidan adoptar, no prazo máis breve posible, as decisións que sexan pertinentes en relación coa defensa dos seus dereitos e intereses. Neste senso, debe extremarse a dilixencia na achega de toda a información relevante para xustificar os motivos dos rexeitamentos das ofertas e as características das ofertas do adxudicatario que foron determinantes da adxudicación ao seu favor.
- Que os eventuais recursos ou reclamacións que se puideran interpoñer, sexan tratados coma un instrumento de defensa de dereitos cidadáns e de colaboración coa Administración na depuración de erros administrativos e que, por conseguinte, non se utilice a vía do silencio administrativo. Neste senso, estímase que dita práctica, ademáis de incumplir a obriga de resolución expresa que ten a Administración, fai recaer nos cidadáns custos por litixiosidade no orde contencioso-administrativo que, ás veces, poderían terse evitados, e non se corresponde en absoluto co que se debe esperar das administracións modernas e transparentes.