29 enero 2009

Nota de Presidencia defendiendose de los ataques sufridos por el funcionamiento de Emergencias en el temporal

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia –dependente da Axencia Galega de Emerxencias- atendeu, durante a pasada fin de semana (venres, sábado e domingo), un total de 18.339 chamadas, xestionou 4.449 incidencias e mobilizou 5.708 recursos de emerxencia. Un día de actividade normal, o CAE 112 Galicia recibe unha media de 4.800 chamadas e o tempo de resposta a unha emerxencia sitúase entre os 3 e 4 segundos.

Neste sentido, durante os días 23, 24 e 25 de xaneiro incrementouse non só o número de chamadas, senón tamén o volume de incidentes. Así mesmo, aumentou o tempo de resposta á cidadanía debido en grande parte a que se trataba de incidentes que requirían un tempo maior do habitual para ser explicados, xeralmente para situalos xeográficamente. Sen embargo, nada disto impediu que todas a incidencias fosen atendidas e xestionadas, grazas ao considerable esforzo do CAE 112 Galicia e de todos os medios e recursos intervintes.

Os danos ocasionados polo temporal na rede de telefonía e subministro eléctrico tamén afectaron á actividade do 112 Galicia, xa que en ocasións fixeron complexa a comunicación cos distintos recursos de emerxencia.

Reforzamento das quendas
Con previsión do fenómeno adverso por vento en terra de nivel de alerta vermella, o CAE 112 Galicia reforzou as súas quendas dende primeiras horas da mañá do día 23 ata completar ao 100% os postos de operación existentes na actualidade. A empresa concesionaria do servizo compensará o esforzo realizado polos traballadores durante o temporal da pasada fin de semana mediante retribución económica.

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia planificou a resposta a este episodio de meteoroloxía adversa dende a recepción da alerta emitida pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), non só na propia sala de operacións, senón tamén previndo á poboación mediante o envío de notas de prensa e informes detallados aos distintos organismos das administracións estatais, autonómicas, provinciais e locais, así como aos parques de bombeiros e ás empresas de ámbito galego que pola súa actividade se puideran ver afectadas. En total, enviáronse 571 faxes cada día con información actualizada sobre o fenómeno adverso.

Ademais da información mediante fax, enviáronse mensaxes telefónicos aos alcaldes dos concellos con previsión adversa, do seguinte xeito: sobre as 22 horas advertiuse da presencia de chuvias e de ventos que poderían superar os 150 km/h a un total de 36 alcaldes, ás 24 horas voltouse a informar da necesidade de que as persoas permanecesen dentro das casas e se evitasen os desprazamentos nas estradas alomenos ata as 6:00 do día 24 de xaneiro. Nesta ocasión, enviáronse un total de 97 mensaxes telefónicas.

Dende a creación e posta en marcha do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia os recursos económicos para o seu desenvolvemento e procura dunha maior eficiencia na resposta ao cidadán foron limitados tanto na parte informática como no número de persoal e o espazo físico que ocupa. Nos últimos catros anos incrementouse a achega económica, o que fixo posible a instalación de novo equipamento e ampliación de persoal. Ademais, a planificación dun novo edificio, preparado para a atención de grandes emerxencias, axudará a seguir mellorando a calidade do servizo.