VIGO (MORRAZO-tribuna).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres o investimento de 717.808 euros no Casco Vello para a instalación dunha rede de banda ancha WiMAX. Segundo o tenente de alcalde, os obxectivos desta iniciativa radican en que a zona histórica sexa “referente de innovación na cidade” e mellorar a calidade dos servizos á cidadanía.
“É moi importante a rehabilitación dos edificios do Casco Vello, pero tamén a súa dinamización, incidindo nos elementos innovadores”, salientou Santi Domínguez. O nacionalista explicou que á hora de definir os investimentos para levar a cabo na zona histórica de Vigo, “ademais da remodelación das rúas pensamos que este barrio tamén debería ter un elemento de referencia para toda a cidade”, como son as novas tecnoloxías. “Temos a intención de que a finais do 2009 poidamos vender o Casco Vello como unha zona innovadora e que permita aglutinar a diferentes colectivos que precisen desenvolver as súas actividades en rede”, sinalou
O tenente de alcalde subliñou que coa implantación desta iniciativa, se asegura en todo o Casco Vello unha “cobertura de calidade e de alta capacidade”. Neste sentido, afirmou que a cobertura é “para a totalidade do Casco Vello”, incluídas as infraestruturas que na actualidade non a teñen, como é o caso do polideportivo do Berbés, as oficinas de información turística e de servicios sociais. O tenente de alcalde indicou que o equipamento mínimo da instalación consiste en 17 radio enlace cun ancho de banda mínimo de 20 megabits, 17 puntos de emisión wimax e tres pantallas inferfaz.
“Na campaña falabamos do compromiso de que todo Vigo tivera rede Wifi, sistema que xa se está implantando noutros puntos da cidade e que agora nós queremos levar ao Casco Vello porque pensamos que é unha demanda, pero indo máis alá e instalando o WiMAX que ofrece maiores ventaxas”, indicou Domínguez. Ao respecto o tenente de alcalde sinalou que esta medida propiciará que o barrio histórico sexa “cada vez máis atraínte”, de xeito que contribúa a que mozos e mozas se acheguen a zona “incluso para vivir”. Ademais de facer deste barrio unha zona atraínte, o nacionalista salientou que coa instalación deste sistema se quere contribuír a implantar “un mellor servizo da administración electrónica para toda a cidadanía, así como o desenvolvemento de accións conxuntas cos establecementos comerciais e turísticos da cidade.