VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Dirección Xeral de Protección Civil, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, alertou a organismos, concellos e empresas do episodio meteorolóxico adverso por vento en terra que a partir de hoy afectará á Comunidade galega co fin de que se adopten as precaucións oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas e se poidan preparar os dispositivos necesarios para afrontar a situación.
Entre os 562 faxes e as chamadas de aviso realizadas quedaron avisados da situación todas as deputacións provinciais, concellos, agrupacións de voluntarios de protección civil e policías locais de Galicia. Tamén se emitiu alerta a todos os parques de bombeiros da Comunidade, tanto das cidades como comarcais. Os corpos de seguridade como Policía Autonómica, Tráfico e Policía Nacional tamén están ao tanto da situación nas distintas provincias e comisarías, así como a organismos como Costas ou Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra, entre outros. Empresas eléctricas e con actividades perigosas tamén recibiron comunicado, así como a todos os aeroportos galegos, autopistas, Renfe, Feve, etc. Neste sentido, están avisados os organismos das administracións estatais, autonómicas, locais e provinciais e as empresas que pola súa actividade poidan verse afectadas. Igualmente, con respecto á situación no mar, a Dirección Xeral de Protección Civil avisou aos organismos das administracións estatais, autonómicas e locais e aos clubs náuticos de Galicia.
Ademais, a Dirección Xeral de Protección Civil quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e outras situacións de risco. Así mesmo, aconséllase aos condutores evitar os desprazamentos e, no caso de facelos, axeitar a velocidade ás condicións da vía co fin de previr posibles desprendementos de terra nas estradas. Tamén se recomenda non achegarse a diques ou rompentes nos que o mar poida arrastrar persoas ou vehículos e consultar a páxina web do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.