29 enero 2009

Quintana insiste en Gondomar en la necesidad de un estatuto de nación

GONDOMAR (MORRAZO-tribuna).- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou nun acto público no Auditorio Lois Tobío, en Gondomar no que interviron tamén o alcalde da vila, Antón Araúxo, a candidata número 15 Marta Dacosta, e a cabeza de lista por Pontevedra, Teresa Táboas.
Ali, o líder nacionalista comprometeu para a vindeira lexislatura un “Estatuto de Nación que formalizará un doble contrato: un coa cidadanía, baseado nunha democracia de calidade, nun recoñecemento avanzado de dereitos e liberdades e na igualdade de oportunidades, e un segundo contrato de relación política entre Galiza e o Estado que recoñeza o carácter nacional de Galiza e os espazos de decisión e poderes necesarios para a expresión dun pobo”.

Anxo Quintana explicou que este contrato deberá recoller “cinco marcas de calidade democrática: recoñecemento nacional de Galiza, blindaxe competencial, novo modelo de financiamento, igualdade xurídica entre galego e castelán e será unha carta de dereitos e deberes para os cidadáns galegos do século XXI ”.

Neste sentido, o líder nacionalista explicou que é necesario recoller con rango legal “dereitos de terceira xeración que sirvan para eliminar desigualdades”. O candidato nacionalista referíuse asi aos complementos autonómicos das pensións -xa implantado polo BNG desde o goberno galego- e á proposta nacionalista de crear un complemento autonómico ás prestacións por desemprego.

O candidato nacionalista lembrou os termos desta proposta nacionalista que beneficiaría a preto de 50.000 parados de longa duración (máis de seis meses) e que se materializaría en dúas pagas semestrais de 500 euros co obxectivo de igualar a media estatal en prestación por desemprego e utilizar este mecanismo para reforzar os mecanismos de formación profesional dos desempregados e estabelecer itinerarios de reinserción laboral con cada un deles.


O portavoz nacional argumentou que un Novo Estatuto “debe ser tamén unha oportunidade para que estes dereitos dos cidadáns deixen de ser resultado da vontade política do goberno de turno estabelecéndose como leis”.

Posicionamento das outras forzas políticas

Segundo indicou Anxo Quintana, o resultado das eleccións do 1-M “definirá, en gran medida, as condicións políticas que farán posíbel un Novo Estatuto, o novo ordenamento do noso autogoberno a favor de políticas de transformación do país”.

Nesa nova carta de dereitos e deberes dos galegos e galegas deberá recollerse tamén, segundo Quintana, “o cadro de recursos financeiros, competenciais e decisionais das nosas institucións nacionais, e o marco no que queremos autorresponsabilizarnos das nosas políticas, o marco soberano para o noso exercicio de responsabilidade e confianza nas nosas capacidades”.

Quintana apostou por ubicar “nun lugar central do novo horizonte do autogoberno de Galiza aquelas competencias que nos permitan impulsar desenvolvemento económico para lograr a expansión, maior competitividade e sustentabilidade dos nosos sectores produtivos; fortalecer a coordenación do poder político e o mundo financeiro; e para avanzar na consolidación dos nosos servizos públicos, do sistema galego de benestar, das políticas de igualdade e das nosas estratexias de normalización cultural e lingüística”.

Para o BNG, este Novo Estatuto “é moito máis que unha fría norma xurídica”, indicou Quintana, “debe ser a definición dun modelo de país. Por iso agardamos do Partido Socialista e do Partido Popular unha exposición clara, precisa e sen ambigüidades da súa oferta estatutaria. Porque é importante que as forzas políticas se manifesten con claridade antes do 1 de marzo”.

Teresa Táboas
A cabeza de lista do BNG por Pontevedra e conselleira de Vivenda destacou “o labor do nacionalismo desde o goberno para regular a situación das empresas que están desenvolvendo desde hai décadas a súa actividade empresarial en Gondomar, no Parque da Pasaxe”. “Tivo que vir o BNG, desde a Xunta de Galiza e desde o goberno local que preside o noso compañeiro Araúxo para resolver unha situación enquistada que dificultaba o desenvolvemento e a creación de novos postos de traballo”, asegurou.
Táboas destacou que “desde o goberno galego, apostamos por regular a situación coa que nos atopamos e a un tempo ampliar o propio parque empresarial”. Sinalou que neste parque se sitúan “empresas punteiras, moitas delas vinculadas ao sector da automoción, importantes para a comarca de Vigo e para toda Galiza”.

Nesa liña, a candidata do BNG asegurou que esta forza política é consciente da demanda de solo que existe na área metropolitana de Vigo e explicitou a receta desta forza política: regulación dos parques existentes, ampliación dos mesmos e creación de novo solo empresarial.