O BNG de Arbo xa espuxo os motivos polos que solicita que se anule o PXOM :
Deseño inxustificado de novos viais innecesarios en núcleos rurais que tronzan eidos e veigas de alto interese agrario para a economía local e familiar; con anchos esaxerados e que non supoñen unha mellora dos servizos e das comunicacións en núcleos que xa están ben comunicados.
Unha catalogación excesiva de solo industrial (45 novas hectáreas) que antes era chan rústico agropecuario e está adicado ao cultivo de viñedo da D.O Rías Baixas o que supón un ingreso anual de renda para os veciños e veciñas, e que non obedece a unha demanda real e previsible dado que aínda existe a totalidade de chan industrial baleiro da 2ª fase do polígono arbense.
Un cambio de catalogación de chan de núcleo rural en todas as parroquias (catalogado así no PXOM de 1998) por unha nova catalogación en áreas de expansión con ordenación predeterminada e sen ordenación predeterminada dos núcleos rurais das parroquias que requiren dun plan especial para poder desenvolvelos e de superficies mínimas de 1.600 m2 no caso de areas de expansión con ordenación predeterminada o que supón unha serie de atrancos para poder construír en núcleo rural que no anterior plan non existían, o que provoca a morte das parroquias.
Graves irregularidades e déficit documental na catalogación e medidas de protección do patrimonio cultural sobre todo coas pesqueiras nas que tan só se limitan a recoller a súa existencia nunha ficha xenérica carente de calquera rigor técnico,capelas, petos de ánimas,casas singulares,canastros, xacementos arqueolóxicos etc.
Excesiva catalogación de solo de protección paisaxística, que no anterior plan era de protección forestal o que impide ou reduce a actividade económica do monte provocando perdas de recursos para as comunidades de montes veciñais en man común, que van verse con moitos atrancos para a explotación económica do monte.
Novas catalogacións de solo urbanizable sen sentido en zonas moi alonxadas do centro urbano e outras catalogadas como rústico en zonas ao carón do centro urbano, non obedecendo a un crecemento racional dentro da área natural de crecemento que serían os arredores do centro urbano.
Porén, este PXOM prexudica claramente os intereses individuais e xerais dos veciños e veciñas e non atende as necesidades de desenvolvemento racional e harmonioso que respecte os núcleos rurais tradicionais, as parcelas de alto interese agrario para a economía local e que impón moitas restriccións nos núcleos rurais das parroquias.