VIGO (MORRAZO-tribuna).- Os actos de celebración do Bicentenario da Reconquista comenzarán este sábado coa representación da toma da vila de Vigo polas tropas francesas, segundo anunciaron hoxe o tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o presidente de Asociación de Veciños do Casco Vello, Henrique Macías. Santi Domínguez explicou que a recreación da entrada dos franceses é unha das novidades que inclúe o programa do Bicentenario e salientou que o que se pretende é dar a coñecer unha parte da historia da cidade.
O tenente de alcalde sinalou que cando se pensou na programación do Bicentenario, sobre todo, quíxose que permitisen que a cidadanía coñecera máis da súa historia. “Canto máis coñecemento teñamos da nosa historia, dos valores que defendemos, máis vai repercutir na nosa autoestima como cidade”.
Santi Domínguez explicou que será unha representación “casi en tempo real” do que aconteceu na toma da cidade. O nacionalista adiantou que será a primeira das que se van a desenvoler ata o 28 de marzo en distintos barrios e parroquias.
O presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello sinalou que o que se pretende é lembrar a revolta popular dos vigueses e viguesas nas xornadas previas á conquista francesa, especialmente a entrada das tropas napoleónicas, que apareceron tras as murallas de Vigo o 31 de xaneiro de 1809 para pedir a rendición da praza. A representación terá lugar a partir das 19:00 horas coa saída dos franceses do Marco.
Henrique Macías explicou que ademais desta representación toda a xornada estará adicada á cultura francesa, máis concretamente á cultura popular da Bretaña. Haberá un obradoiro de danzas bretonas onde todas as persoas que se acheguen ás 18:00 pola Praza da Constitución terán a oportunidade de aprender os seus bailes básicos, que despois ás 20:30 poderán poñer en práctica no concerto do grupo Skeud.
O presidente deu tamén a coñecer aos gañadores do cartel da Reconquista. O elixido, segundo dixo, representa “moi ben o que é a reivindicación da Reconquista”. Leva por título “Mans contra fusiles” e o seu autor é Eduardo M. Campos Coello. O primeiro accesit foi para Xesús Vaamonde Cid coa obra “200 anos en pé” e o segundo para José Manuel Goris Cuiña por “Reconquista Graffiti”.
Por outra parte, Henrique Macías avanzou que xa está aberto o prazo de inscrición de postos para participar no mercadiño tradicional que, con motivo da celebración da Festa da Reconquista, terá lugar os días 28 e 29 de marzo. Os interesados poderán anotarse ata o 20 de febreiro. Tamén está aberto o prazo para o obradoiro de costura “Fai o teu traxe para a Reconquista”, iniciativa que pon en marcha por primeira vez durante os meses de febreiro e marzo para ensinar como facer o traxe para participar na Festa da Reconquista, dacordo cos estilos de primeiros do século XIX. O curso comezará o mércores 4 de febreiro e continuará todos os mércores de febreiro e marzo. As prazas son limitadas e os interesados poden apuntarse na sede da Asociación, na rúa Oliva 12 ou informarse no 986439799.