29 enero 2009

Plan de ayudas por los efectos de los temporales

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza remitiulle esta tarde unha carta informativa aos 72 concellos galegos máis afectados polo temporal do pasado fin de semana para comunicarlles as medidas que este departamento adoptará. Deste xeito, a Consellería anuncia a aprobación do decreto de axudas para que os entes locais poidan consultar as actuacións que nel se establecen. Na misiva tamén se explica que proximamente se publicarán no DOG as correspondentes ordes de desenvolvemento para cada liña de actuación e que, dende ese momento, quedará aberto o prazo de presentación de solicitudes de axudas.

Ademais, no aviso pídese que os municipios fagan chegar á Consellería a relación de casos singulares ou persoais que necesiten dunha atención específica como consecuencia da longa interrupción do servizo eléctrico, do illamento ou por outros motivos. Neste sentido, rógase que nestas relacións se indiquen as circunstancias e os datos de contacto para a análise, avaliación e disposición das medidas necesarias.

Doutra banda, o departamento de Méndez Romeu pídelle aos concellos que continúen traballando na mesma dirección que ata agora para restablecer a normalidade e que canalicen as reclamacións dos cidadáns aos organismos e empresas implicadas.

Zona catastrófica
En relación ás peticións de diversos alcaldes que solicitaron, ante os medios de comunicación, a declaración de zona catastrófica, a Consellería de Presidencia desexa explicar que esta medida non é necesaria posto que se fai o equivalente coa aprobación de liñas de axudas como a autorizada hoxe polo Consello da Xunta de Galicia e como as que poderán aprobar outros organismos.