SOUTOMAIOR (MORRAZO-tribuna).- A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Soutomaior veñen de acometer a mellora medioambiental da marxe do río Verdugo ó seu paso por este municipio. Ambas institucións destinaron a este proxecto un orzamento de 178.029 euros
A finalidade da actuación consistiu na recuperación e saneamento dunha zona moi degradada do río Verdugo e a creación dun espazo de lecer para uso e disfrute dos veciños e do turismo que se achega a zona. Así mesmo, esta acción contribúe ó óptimo desenvolvemento e conservación do medio rural, e na mellora a calidade de vida e o benestar social dos residentes no concello.
Os traballos consistiron na limpeza do río, no desbroce das marxes e na recuperación do sendeiro que descorre dende a zona de esparcemento ata a ponte colgante, co fin de facelo transitable
O proxecto contemplou tamén a dotación de mobiliario urbano (bancos, papeleiras, fonte con surtidor...), a execución de obras de humanización, a mellora da escollera e na dotación dun paseo peonil.
O recinto dividiuse en catro zonas, a primeira situada augas arriba do río protexida polo arborado existente; a continuación definiuse unha zona de praia que foi dotada de area de río; e dunha zona de esparcemento que se mellorou con pavimento de xabre e area, e que tamén poderá ser utilizada como recinto de festas. Finalmente, a o cuarta e última zona é un merendeiro sobre céspede con arborado, onde actualmente xa existen unhas mesas de pedra. Neste lugar ampliouse o alumeado público existente.