23 enero 2009

Presentación do libro Árbores
e arbustos do castelo de Sobroso


MONDARIZ / PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- Tal e como estaba previsto, tivo lugar no castelo de Sobroso, en Mondariz, a presentación do libro Árbores e arbustos do castelo de Sobroso, da Editorial da Deputación de Pontevedra.

O xoves 22 de xaneiro, ás 19.30 horas, tivo lugar no castelo de Sobroso, en Mondariz, a presentación do libro Árbores e arbustos do castelo de Sobroso, da Editorial da Deputación de Pontevedra.
Neste acto intervirían o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán Abal, o alcalde de Mondariz, Julio Alén Montes, o alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, o director do parque do castelo de Sobroso, Germán Álvarez González, e a autora do libro, Rosa María Covelo Alonso.
Esta publicación recolle un inventario que inclúe as especies e arbustos que se atopan no parque do castelo do Sobroso (chamado antigamente Soveroso, que é a palabra latina da que provén o nome de sobreira). A partir do ano 1981, cando o concello de Ponteareas comprou o castelo, o parque sufriu varias modificacións e na actualidade estanse levando a cabo algúns proxectos de recuperación da vexetación autóctona.
O obxectivo desta publicación foi deixar constancia por escrito da diversidade vexetal que hai na zona (84 especies en total, incluíndo ximnospermas e anxiospermas –árbores e arbustos- e palmeiras).
A realización deste traballo foi levada a cabo de forma que é facilmente comprensible tanto por persoas relacionadas cientificamente co mundo vexetal coma por xente que carece deste tipo de formación, xa que o documento consta dunha sección dedicada exclusivamente a “vocabulario” e outra a “debuxos” esquemáticos explicativos.
Ademais destas dúas seccións inclúese unha parte dedicada a “cadros taxonómicos” nos que aparecen todas as especies divididas en catro grandes grupos: ximnospermas, anxiospermas (árbores e arbustos) e palmeiras; e outra parte dedicada ás “fichas botánicas”, nas que se describen as especies e inclúen ademais unha fotografía do exemplar. Tanto nos cadros coma nas fichas a especie desígnase co nome científico e con un ou varios nomes comúns, en galego e castelán.