A GUARDA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, presentou un escrito no rexistro do concello da Guarda onde solicita que se tomen as medidas oportunas e urxentes para adecentar os xardíns do Centro Cultural.
Para Xan Lois Lomba, "O aspecto que se pode apreciar é desolador, pintadas en diferentes partes do edificio, cables totalmente soltos e desprotexidos, lumieiras rotas, soportes metálicos do que debían ser antigos farois de iluminación, ferros e forxas de xardineiras rotas totalmente desprotexidos, así como deficiencias na pista deportiva do que se traduce un mal mantemento do lugar por parte do concello. O actual estado dos xardíns e arredores do edificio constitúe un perigo para todas as persoas que acceden ao lugar, estado que foi denunciado por diferentes medios de comunicación dixital local.
Lembrar o esforzo económico que significou a instalación das portas metálicas para evitar, precisamente, o deterioro do entorno, polo tanto non se pode entender que agora resulte que teñamos o lugar totalmente descoidado e abandonado.
Debemos ter en conta que este edificio é moi transitado dado que é o único local municipal onde se celebran habitualmente actos de diferente índole (conferencias, exposicións, reunións, ...), así como sede de diferentes servizos municipais".
A formación nacionalista insta ao goberno municipal a tomar medidas de xeito urxente e vai estar vixiante para que se fagan estas melloras no menor prazo posíbel.