27 octubre 2008

Axudas da Deputación en Cangas

CANGAS (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra concedeu unha subvención de 8.000 euros á Asociación de Amigos de San Amaro, da parroquia de Aldán, en Cangas, que investiranse na construción dun pozo de barrena con bomba de 2 CV.
As obras consisten na construción dun pozo de barrena perforado de 200mm. de diámetro cunha profundidade aproximada de 100 metros, o cal levará unha bomba sumerxible de 2 CV con grupo de presión, cadro eléctrico, mangueira de auga, cable e demais accesorios e pezas de conexión para o abastecemento de auga.
Trátase dunha actuación de gran importancia para os veciños, que permitirá modernizar as infraestruturas do lugar e que incentivará a afluencia de rapaces que habitualmente asisten ó campo de San Amaro.
Son de Cangas
Por outra banda, a Deputación tamén aportará unha achega de 1.000 euros para respaldar o programa “Son de Cangas”, que promove a Concellería de Xuventude do Concello de Cangas, e servirá para promocionar ós grupos locais, facilitándolle a súa participación na vida social, económica e cultural a través desta iniciativa.
Estas colaboracións económicas proceden do Plan de Acción Comunitaria (PAC) da Deputación que ten como obxectivo colaborar coas agrupacións veciñais da provincia en aspectos relacionados coa mellora do medio rural e dos barrios mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.
A DEPUTACIÓN CONCEDE 20.000 EUROS Á ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE A LAXE, EN POIO
A Deputación de Pontevedra concedeu unha subvención de 20.000 euros á Asociación de Veciños de A Laxe, en Poio, que se investirán na instalación dunha varanda na praia de Raxó.
Trátase dunha instalación de 200 metros de varanda lineal, construída en aceiro inoxidable, que virá dar continuidade ós cinco accesos á praia que xa dispoñen de idénticos dispositivos de seguridade. Esta actuación reviste gran importancia para os veciños, xa que a falta de varanda supón un perigo potencial para viandantes e vehículos.
Esta colaboración económica procede do Plan de Acción Comunitaria (PAC) da Deputación que ten como obxectivo colaborar coas agrupacións veciñais da provincia en aspectos relacionados coa mellora do medio rural e dos barrios mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.