27 octubre 2008

Rehabilitado o Muiño do Salto, en Mos


MOS (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra concedeu sendas axudas económicas para a rehabilitación do Muiño do Salto, en Dornelas (Mos), inaugurado o domingo, e a para a construcción dun local social para os distintos colectivos desta parroquia de Mos.
Dornelas sempre tivo a carencia dun local social onde os seus distintos colectivos (asociacións, comunidade de montes, agrupacións culturais) poidesen desenvolver as súas actividades. Por esta razón, os distintos grupos parroquiais acordaron que a Asociación de Veciños de Dornelas construise un local social nunha parcela de 2.000 metros cadrados (doadas ou mercadas polos veciños) ubicada no torreiro das festas.
A Deputación de Pontevedra acordou conceder con este fin unha axuda de 15.000 euros para o novo local veciñal que estará formado por un semisótano onde irá ubicado o salón de actos; un baixo con terraza para situar nel a cafetería e os baños; unha primeira planta con tres locais para os colectivos veciñais e para desenvolver cursos de formación; e un baixo cuberta diáfano para outras actividades.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, inaugurou o domingo a rehabilitación do Muiño do Salto, en Dornelas, traballo realizado con unha subvención do Plan de Acción Comunitaria (PAC) da entidade provincial. No acto, estivo acompañado por veciños de Dornelas, polo vicepresidente provincial, José Manuel Figueroa, e pola concelleira e portavoz do Partido Popular en Mos, Nidia Arévalo.
Ademais das anteditas obras, a Deputación ven desenvolvendo unha intensa laboura de recuperación patrimonial en Mos. Apoiou, entre outros traballos, a recuperación da capela e da igrexa de Santa Eulalia, a capela da Virxe das Neves, a igrexa de San Pedro en Cela, a de San Martiño en Tameiga, a recuperación de distintos muiños e achegou un total de 250.000 euros para a recuperación e rehabilitación do Pazo de Mos. Nesta actuación, a aportación da Deputación tivo lugar doutros xeitos como maquinaria, peóns, etc.