31 octubre 2008

O XII TROFEO DE NATACIÓN DA DEPUTACIÓN ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A DOUSCENTOS NADADORES DE ELITE


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O delegado provincial de Deportes, José Enrique Sotelo, presentou o programa da XII edición do Trofeo de Natación da Deputación de Pontevedra, que terá lugar este 1 de novembro na Piscina Olímpica Rías do Sur e na que participarán 200 nadadores de alto nivel de Galicia, Madrid e Portugal.
Sotelo mostrou a súa satisfacción por congregar “ós mellores nadadores do momento” neste evento “cada vez máis consolidado”, no que este ano han participar “doce equipos da nosa comunidade, haberá unha representación do club Canoe madrileño e a xa tradicional presenza do club Fluvial Vilacondense de Portugal”.
Haberá dúas modalidades de competición: individual e por equipos. A competición se disputará en forma de eliminatorias (na sesión de mañá) e de finais (na sesión de tarde), salvo a proba de 400 libres masculino e feminino, que disputarán en final directa os 8 nadadores con mellores tempos de inscrición acreditados.
Neste senso, o deputado manifestou que “unha das características do Trofeo, desde a súa fundación, é a de fomentar o traballo de equipo nun deporte tradicionalmente individual, como é o da natación, pois na clasificación por equipos non se teñen en conta os resultados individuais, senón os acadados polos equipos de relevos”.
Premios
En modalidade individual, os deportistas que acaden medalla en cada unha das probas obterán, respectivamente, 120, 60 e 30 euros. Na categoría “Fundación Rías do Sur”, outorgarase un premio especial de 400 euros a quen consiga bater o record galego absoluto nalgunha das probas individuais e se repartirán 200 euros entre os nadadores que consigan superar o record do Trofeo nalgunha das probas individuais. Por equipos, o primeiro obterá trofeo e 1.000 euros. O segundo, trofeo e 700 euros. O terceiro, trofeo e 500 euros. O cuarto, 300, e o quinto, 200.