31 octubre 2008

LOUZÁN ENTREGA UNHA PALA ESCAVADORA Á ENTIDADE LOCAL MENOR DE MORGADÁNS, EN GONDOMAR

GONDOMAR (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, fixo entrega esta tarde, acompañado dos vicepresidentes provinciais, José Manuel Figueroa e Xosé Crespo e o deputado, Xosé Carlos Silva, dunha retro pala de rodas á Entidade Local Menor de Morgadáns, para a que a institución provincial aportou unha achega de 66.874 euros.
A pala, que dende hoxe pasa a depender da Entidade Local que preside Urbano Esmerode, está dotada de motor de catro cilindros, baixa emisión de fumes e baixo nivel de ruídos, o que permite que poida ser utilizada en lugares con restrición de ruído como centros urbanos.
Inclúe tamén tanque de combustible de gran capacidade para garantir longos intervalos de abastecemento, catro velocidades dianteiras e catro traseiras, capot abatible, sistema de freado seleccionable automaticamente ás catro rodas a unha velocidade superior ós 3 quilómetros hora.
O presidente resaltou no acto de entrega do vehículo que “con este tipo de actuacións a Deputación contribúe a solucionar os problemas reais que diariamente lles afectan ós cidadáns”, ó tempo que expresou a súa confianza en que “con esta máquina se poidan acometer as labores de desbrozado e limpeza con toda a comodidade posible”.
Neste momento hai en Galicia nove entidades locais menores; unha na provincia de Ourense, e as outras oito na provincia de Pontevedra: Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz).
Morgadáns, pertencente ó concello de Gondomar, ten unha superficie total de 1.530 hectáreas nas que residen 1.158 habitantes. Manexa un presuposto bastante variable en relación co volume de previsibles ingresos, derivados basicamente dos aproveitamentos dos montes e das explotacións das canteiras.