29 octubre 2008

CHACÓN INFORMA A DAVILA SOBRE INSTALACIÓNS MILITARES NA GALIZA EN PROCESO DE DESAFECTACIÓN

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, interpelaba esta mañá no Pleno á Ministra de Defensa sobre as perspectivas futuras e a planificación do Ministerio sobre unha serie de instalacións militares na Galiza, unhas xa en desuso e en estado de abandono, outras infrautilizadas, outras desafectadas ou en proceso de desafectación. Neste sentido aludiu ás seguintes instalacións: o Observatorio de Monte Ventoso e a batería de Prioriño (Ferrol), os terreos do aeródromo de Rozas en Castro de Rei (Lugo), a batería militar de Cabo Silleiro (Baiona), e pola Illa de Tambo e parte das propiedades da Escola Naval de Marín.
Observatorio de Monte Ventoso e batería de Prioriño (Ferrol)
Asemade, a parlamentar nacionalista referiuse ao estado de abandono do Observatorio de Monte Ventoso e batería de Prioriño en Ferrol, “un patrimonio militar que debería ser obxecto de protección por parte da Administración responsábel pero que se atopa en estado ruinoso”. Lembrou que esta propiedade non foi incluida no Convenio asinado entre Defensa e o concello en setempro de 2007 e demandou á Ministra o seu traspaso ao concello de Ferrol.
Carme Chacón respostou a Davila que o Observatorio de Monte Ventoso está desafectado e “posto a diposición da Xerencia de Infraestructuras”. Que está finalizada a depuración da propiedade e que logo se ofrecerá ás diferentes Administracións interesadas. Respeito á Bateria de Prioriño, sinalou que “é do interese do Ministerio de Medio Ambiente para preservar o dominio público marítimo terrestre”.
Aeródromo de Rozas en Castro de Rei, Lugo
En segundo termo, fixo referencia aos terreos de Defensa do aeródromo de Rozas en Castro de Rei. “Un inmóbel que está en proceso de depuración física e xurídica. Tamén aquí atopamos unha antiga reivindicación social e política para que estas propiedades, unha vez desafectadas, revirtan no concello de Castro de Rei para adicalas a proxectos en beneficio da cidadanía”.
A Ministra de Defensa indicou ao BNG que esta “propiedade non ten interese militar. Está en depuración e en proceso de estudo para ver o destino da mesma”. Explicou que a Cámara de Comercio de Lugo solicitou terreos do aeródromo para desenvolver o proxecto “Taller de Emprego” e pediu unha prórroga que se concedeu até xuño de 2009.
Batería militar de Cabo Silleiro en Baiona
Outra das instalacións militares motivo do interese de Davila, foi a batería militar de Cabo Silleiro en Baiona “xa en desuso desde finais dos anos 80”. A deputada do BNG preguntou á Carme Chacón se esta propiedade se vai transferir ao concello, “ou se vai ofrecer ao Ministerio de Medio Ambiente tal e como apuntaba o seu departamento nunha resposta parlamentar? Existe a posibilidade de que se devolvan aos seus lexítimos propietarios que tamén reclaman os terreos?”.
Chacón explicou a Davila que esta batería “está en proceso de depuración, e unha vez finalizado, ofreceráse ao Ministerio de Medio Ambiente para preservar o dominio público marítimo terrestre, e en caso contrario, irá a outras Administracións”.
Illa de Tambo e terreos infrautilizados Escola Naval de Marín
Respeito a estas propiedades, Davila lembrou que a Escola Naval de Marín se constituíu en 1943 nos terreos das antigas instalacións do Polígono de Tiro Naval Janer e sobre os terreos usurpados ao concello. Igualmente, anexionouse a Illa de Tambo.
A deputada do BNG describiu a superficie que actualmente ocupan estas instalacións que incluso ten unha zona residencial para mandos militares. “Sabe que as instalacións da Escola Naval de Marín permanecen igual desde hai 65 anos, co acceso ao mar limitado para a poboación de Marín por pertencer a Defensa”.
A parlamentar nacionalista dixo á Ministra que “o idóneo sería que a Illa de Tambo fose restituida ao uso civil para a súa inclusión no Parque Nacional de Illas Atlánticas, coa correspondente transferencia á Xunta”. Así como se debería recuperar para o uso civil os terreos infrautilizados pola Escola Naval de Marín.
A Ministra de Defensa anunciou ao Davila que a Illa de Tambo “será para o Ministerio de Medio Ambiente” e que poderá ser incluido no Parque Nacional das Illas Atlánticas pero “o expediente está paralizado até resolver a reclamación efectuada por un particular”.
Respeito ás instalacións infrautilizadas da Escola Naval de Marín, deixou claro que “seguen a ser de moito interese para Defensa e non están infrautilizados”. Ademáis, engadiu que entra dentro dos Centros Universitarios que terá Defensa segundo os Acordos de Bolonia.