27 octubre 2008

O GOBERNO ASEGURA QUE NON VAI COMPENSAR AOS CONCELLOS GALEGOS QUE DIMINUÍRON OS SEUS INGRESOS POLA BAIXADA NA VALORACIÓN CATASTRAL DOS GRANDES ENCOROS

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- En resposta a unha pregunta do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, o Goberno asegura que “non pode ser obxecto de compensación” a importante reducción de ingresos que sofren algúns concellos galegos trala diminución do valor catastral dos grandes encoros.
O senador do BNG solicitáballe ao Goberno que establecese algún tipo de compensación para os concellos galegos afectados polo Real Decreto 1464/2007, do 2 de novembro, polo ue se aproban as normas técnicas de valoración catastral. Esta norma establece unha nova valoración catastral dos Bens Inmobles de Características Especiais (BICES), tales como os grandes encoros ou os parques eólicos, en base á cal os concellos teñen que fixar o Imposto de Bens Inmobles (IBI).
“Esta nova valoración -denunciaba Pérez Bouza na súa iniciativa- diminuiu a valoración catatastral dos grandes encoros, e polo tanto a recadación do IBI en moitos concellos galegos, sen que estes poidan impugnar a valoración que fai Catastro”.
O Goberno rexeita compensar aos concellos
Na súa resposta o Goberno recorre a legalismos, e en concreto ao artigo 9 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.
Así, argúe que “dado que non hai unha previsión legal que estableza compensación algunha para este tipo de actuacións, e que os novos valores catastrais non constitúen un beneficio fiscal, a posíbel reducción destes, tras unha nova valoración, non pode ser obxecto de compensación”.
A única posibilidade que ofrece é que os concellos incrementen o gravame do IBI para os BICES até o máximo permitido: o 1,3%, esquecendo que este recurso xa ven sendo utilizado de forma xeneralizada polos concellos galegos.
Recoñece que se produciron reduccións nas valoracións catastrais, especialmente en Ourense
Ademais, na súa resposta ao senador do BNG, o Goberno recoñece que “cabe a posibilidade de que algún BICE teña visto reducido o seu valor” coas novas valoracións que establece o Real Decreto 1464/2007.
No conxunto de Galiza, o Executivo Central asegura que “o resultado global foi un incremento dos valores” na nova valoración de 2008 con respeito á de 2007.
No conxunto de Galiza a valoración dos grandes encoros pasou de 481,26 millóns de euros en 2007 a 519,97 millóns en 2008, o que representou un incremento do 8,04 %.
Porén, chama a atención que a provincia de Ourense, a que concentra a maioría dos concellos con grandes encoros de Galiza, sexa a que menos incrementou a valoración catastral a penas un 1,75%, até os 273,5 millóns de euros.
Saída pola tanxente que demostra falta de compromiso
Para Xosé Manuel Pérez Bouza os “argumentos legalistas cos que o Gobero pretende xustificar a súa negativa a compensar aos concellos afectados negativamente por esta nova valoración son unha saída pola tanxente”.
A este respeito, lembra que “existen precedentes de compensacións aos concellos cando estes se viron perxudicados por unha decisión da Administración Central, como cando o Goberno decidiu sumprimir o Imposto de Actividades Económicas”.
Ademais, lembra que o Real Decreto 1464/2007 “foi tramitado como un decreto, é dicir non como proxecto de lei, e polo tanto sen a participación das demais forzas políticas e dos concellos afectados”.
Por último, Xosé Manuel Pérez Bouza lembra que o BNG ten rexistrada no Senado unha moción que se debatirá nos próximos meses na que se insta ao Goberno a compensar aos concellos perxudicados pola nova valoración dos BICES.