31 octubre 2008

SEMINARIO SOBRE PRODUCIÓN ECOLÓXICA NO CENTRO COMARCAL DE TABEIRÓS – TERRA DE MONTES

A ESTRADA/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza –dependente da Consellaría do Medio Rural– coordina a celebración do seminario “Control de pragas e enfermidades na produción da mazá”, que se vai celebrar o martes 4 de novembro no Centro Comarcal de Tabeirós–Terra de Montes, en horario de 19:00 a 22:00 horas. Esta actividade forma parte dun programa formativo máis amplo dedicado á produción ecolóxica que esta Sociedade pública está a organizar nos centros comarcais de toda Galiza dende o pasado mes de xuño. O obxectivo da Consellaría do Medio Rural con estas actividades é difundir e promocionar a agricultura ecolóxica, tanto a través da formación dos interesados en aplicar estas técnicas de produción, como a través da concienciación dos consumidores para que merquen alimentos máis sans, con menos residuos químicos e elaborados con máis respecto polo medio ambiente.
O obxectivo deste seminario é racionalizar as prácticas de control de pragas e de enfermidades nos cultivos ecolóxicos. A participación neste seminario é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas, polo que todos aqueles que estean interesados deberanse inscribir canto antes no centro comarcal a través do teléfono 986 57 51 49/23, do fax 986 57 53 01, ou do correo electrónico cctabeiros@comarcasdegalicia.com.