31 octubre 2008

LOUZÁN E GONZÁLEZ ASINAN UN CONVENIO DOTADO CON 561.747 EUROS QUE POSIBILITARÁ A CONSTRUCIÓN DUN NOVO PAVILLÓN EN PONTEAREAS


PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinou un covenio de colaboración co alcalde de Ponteareas, Salvador González, que posibilitará a construción dun pavillón polideportivo no municipio.
A nova instalación deportiva precisará un investimento de 561.747 euros que serán financiados por ambas administracións cunha achega de 421.310 euros por parte da Deputación e de 140.436 euros que aportará o concello.
A Deputación asumirá a licitación, dirección execución e recepción das obras, mentres que o concello de Ponteareas será o responsable de obter as correspondentes licenzas municipais, así como de obter as autorizacións pertinentes que foran precisas.
Segundo afirmou hoxe o presidente, esta obra sairá a licitación pública nas vindeiras semanas polo que de cara á vindeira primavera ou verán a instalación podería estar xa habilitada.
Así mesmo, Louzán recordou a aposta da Deputación polo desenvolvemento de Ponteareas a través da posta en marcha de actuacións como a reforma do auditorio Reveriano Soutullo; a dotación de herba sintética ó campo de Angoares que se rematará en breve, así como o de Pardellas. Tamén a institución acometeu importantes obras de saneamento no municipio entre outras accións.