27 octubre 2008

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTOU DEZ NOVOS TÍTULOS EDITADOS POLO SERVIZO DE PATRIMONIO DOCUMENTAL E PUBLICACIÓNS

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O Pazo Provincial foi testemuña esta mañá da presentación conxunta de diversos libros que conforman as novidades editadas polo Servizo de Publicacións da Deputación a cargo do vicepresidente e deputado delegado de Cultura, José Juan Durán nun acto no que estiveron presentes ademais os autores dos dez títulos, así coma o director do Servizo de Publicacións, Miguel Pereira Figueroa.
Déronse a coñecer, en primeiro lugar, tres novas entregas da colección “Ensaio e investigación”. Son os títulos “Cortegada. Una isla real”, “O Real Club Náutico. Cen anos de historia de Vigo” e “Vigo. Da antiga cidade amurallada ó casco vello actual”.
Tamén tres traballos relativos á colección “Fillos ilustres da provincia de Pontevedra”, concretamente “Los otros Valle-Inclán” e “Domingo Fontán no Parlamento” así como o documental “Julio Camba. Crónica dunha vida”, no que se fai un percorrido pola vida e obra do escritor e xornalista vilanovense.
Dentro da colección “Etnografía. Socioloxía. Antropoloxía” inclúense os títulos “Muíños do concello de Ribadumia”, un estudo en profundidade dos muíños deste concello, e “Labrado de gentes. Matrices culturales de las prácticas laborales en la aldea gallega y su transformación”.
Tamén formaron parte da presentación “O cartelismo das festas populares na provincia de Pontevedra”, unha recompilación de carteis de festas populares sacras e profanas pertencentes a diferentes concellos da provincia.
E, finalmente, o libro “Nuestro Agro”, unha publicación que contén un total de 50 fichas técnicas divulgativas referidas a diferentes cultivos, a certas pragas e enfermidades que lles afectan, realizadas por persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación.