29 octubre 2008

A VI Feira de Outono de Ponteareas amplía a súa oferta con máis actividades, expositores e animación na rúa


PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- Os organizadores da VI Feira de Outono presentaron en rolda de prensa a programación da VI Feira de Outono de Ponteareas, que se celebrará os próximos 1 e 2 de Novembro na Praza Maior de Ponteareas.
A Feira, que se organiza dende o 2002, amplía o seu abano de actividades. Deste xeito, por primeira vez contarase con animais vivos na carpa da Feira, cunha mostra de galiña piñeira. Outros participantes prepararán os seus productos no momento, como as filloas á pedra. Entre os expositores estarán artesáns do mundo dos xoguetes e dos intrumentos musicais, labregos da Comarca cos seus productos frescos e ecolóxicos, os viños, a mel, as froitas e derivados da tempada, …
Ademais, por ver primeira, dentro da programación da Feira de Outono encádrase a realización do número 3 da Revista Oral, organizada pola asociación cultural Bagaña da Remelisca, que intenta manter e pór en valor o noso patrimonio material e inmaterial. A revista comezará ás 19:30h nunha das carpas instaladas na Praza Maior.
Outra das actividades clásicas da Feira, son as Xeiras Micolóxicas, que este ano chegan á súa 19ª edición e que contemplan unha saída micolóxica o sábado ás 10h da Praza Maior e unha exposición de cogumelos e degustación o domingo.
A Feira estará aberta, sábado e domingo, e contará con animación de rúa e ludoteca os dous días, ademais de rematar o domingo pola tarde, a partir das 17h co magosto popular.
A organización lamenta os atrancos do alcalde de Ponteareas
A organización da VI Feira de Outono de Ponteareas, que se celebra a primeira fin de semana de Novembro dende o 2002 na Praza Maior de Ponteareas, lamentou os atrancos e inconvintes interpostos polo alcalde de Ponteareas, que o pasado xoves quería impedir a celebración da Feira na Praza Maior. Os organizadores non chegan a comprender os motivos desta actitude, "que se repite ano tras ano, con inxustificadas explicacións para tratar de impedir a celebración dunha Feira que conta co apoio dos comerciantes de Ponteareas", referen os organizadores.