31 octubre 2008

AS ESCOLAS DEPORTIVAS DA DEPUTACIÓN ARRANCAN A VINDEIRA SEMANA NA CIDADE INFANTIL PRÍNCIPE FELIPE


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A vicepresidenta provincial, Teresa Pedrosa, o delegado de Deportes, José Enrique Sotelo, e a directora da Cidade Infantil Príncipe Felipe, Zoila Paz, presentaron este mediodía as Escolas Deportivas de Pontevedra, promovidas polo organismo provincial, que arrancan a vindeira semana nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe.
En verbas do deputado de Deportes, José Enrique Sotelo, as Escolas Deportivas que a Deputación porá ó alcance de todos aqueles nenos que se queiran inscribir, de xeito gratuíto, serán de Xudo, Patinaxe, Fútbol Sala e Tenis de Mesa.
Neste senso, Sotelo recoñeceu a súa satisfacción con esta iniciativa “que arrancou o ano pasado e que serviu para que máis de 1.600 rapaces se iniciasen ou perfeccionasen na práctica do deporte, co que nun só ano xa temos sido capaces de chegar a 30 concellos da provincia, e que vai medrando progresivamente”.
Actividades complementarias
A vicepresidenta, Teresa Pedrosa, comentou pola súa banda que “tamén haberá outras actividades para os nenos, ademáis das deportivas, como baile, inglés, informática ou obradoiros de debuxo, manualidades, teatro, reciclaxe que se irán programando mes a mes”.
Estas actividades, explicou a directora do centro, Zoila Paz, “só terán un costo anual de 30 euros, e permitirán ós rapaces ter acceso a aulas informatizadas con equipamentos de última xeración, por exemplo, entre as múltiples actividades que poden desenvolver”.
Pedrosa felicitouse por esta iniciativa “que promoven ós departamentos de Deportes e Acción Social na procura da conciliación da vida familiar e laboral, pero que tamén ha servir para dar unha educación os nosos rapaces, tanto deportiva como cultural”.