28 octubre 2008

PÉREZ BOUZA DEMÁNDALLE AO GOBERNO QUE APOIE AO SECTOR TEXTIL GALEGO NAS COMPRAS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar dúas iniciativas nas que lle demanda ao Goberno español que apoie ao sector téxtil galego nas compras das administracións públicas.
Pérez Bouza lembra que as compras de produtos textís por parte das administracións públicas representaron en 2007 máis de 538 millóns de euros, dos cales 269 millóns corresponderon a prendas de uniformes, un volume de negocio que “adquire unha importancia fundamental nun período como o actual de crise económica”.
A Administración Central adxudica os contratos a empresas asiáticas, primando os criterios puramente económicos
A este respeito, o senador do BNG advirte do “malestar e preocupación” do sector téxtil galego e español “ante a tendencia do Goberno a adxudicar os contratos para as compras públicas de produtos textís a empresas asiáticas, primando criterios puramente economicistas sobre a calidade”.
Pérez Bouza recoñece que “as administracións públicas están sometidas aos ditados das normas internacionais de comercio que obrigan ás contratacións públicas a non distinguir entre empresas nacionais e estranxeiras”.
Porén, subliña que, sen ter por que incorrer en prácticas proteccionistas, “as administracións públicas deberían esixir nas súas adxudicacións criterios de calidade e de cumprimento das normas internacionais en materia laboral e medioambiental, para que as empresas galegas e españolas poidan competir en pé de igualdade”.
Neste sentido, e como medida de apoio ao sector téxtil autóctono fronte á competencia desleal, o senador do BNG presentou unha moción na Cámara Alta pola que insta ao Goberno a que “nas compras de produtos textís para a Administración Pública do Estado, organismos autónomos e entes dependentes se inclúan criterios de calidade, respeito á normativa laboral internacional, ao medio ambiente e non soamente económicos”.