31 octubre 2008

A DEPUTACIÓN AXUDA Ó CENTRO SOCIAL DE CELA DE BAREDO, BAIONA, PARA FINANCIAR AS OBRAS DE ACCESO E SANEAMENTO DO CAMPO DE FÚTBOL

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra ven de conceder unha subvención de 12.000 euros ó Centro Cultural, Social e Deportivo de Cela de Baredo (Baiona) que servirá para acometer a primeira fase das obras de acceso ó campo de fútbol de Baredo.
O devandito centro dispón dunhas instalacións deportivas cedidas pola Comunidade de Montes de Baredo, nas que se atopan unha pista de tenis, campos de baloncesto, futbito e fútbol, dotado de céspede de última xeración.
O centro é obxecto de uso moi frecuente, sendo utilizado por escolares, equipos locais e particulares en partidos, aproveitando o rendemento que ofrecen estas instalacións.
Non obstante, as infraestruturas resultaban incompletas sen o adecuado axeitamento dos accesos que a rodeaban, por este motivo, o organismo provincial atendeu á petición do centro para dotalo da infraestrutura necesaria para o seu correcto acceso.
Esta colaboración económica procede do Plan de Acción Comunitaria (PAC) da Deputación que ten como obxectivo colaborar coas agrupacións veciñais da provincia en aspectos relacionados coa mellora do medio rural e dos barrios mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.