
Canal informou mediante dita moción de que, segundo se plasmou nos medios de comunicación, "o propio Sergas admite desaxustes no mencionado servizo na localidade de Redondela" e lembrou que "os mesmos medios publicaron tamén que os pacientes que precisen deste tratamento deben desprazarse agora ata o Hospital Xeral-Cíes, en Vigo". Deste xeito o Partido Popular quíxose facer eco das demandas dos afectados, na súa maioría persoas maiores que poden ver dificultado o seu acceso ó tratamento, solicitando no pleno do pasado mércores "que se lle insista ó Sergas para que consolide dito servizo no noso municipio, dotandoo de persoal se fose preciso e dos mecanismos axeitados para dar servizo ós usuarios demandantes do mesmo". Esta moción, aínda que lle foi presentada ó pleno da Corporación Municipal, non puido ser debatida xa que os concelleiros do PP abandoaron a sesión plenaria "a causa das insolencias que Carlos Pazos e Emilio González Iglesias lle profesaron á voceira popular, Francisca Canal", xustificaron desde o PP; sen embargo Canal informou hoxe de que no vindeiro pleno a moción será levada de novo a debate.