31 octubre 2008

O CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA SUBLIÑA QUE A CURTO PRAZO NON SE PREVÉN INCENTIVOS ECONÓMICOS PARA OS EMPREGADOS PÚBLICOS

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- En relación ás declaracións publicadas hoxe na prensa, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, subliñou que “nin está en revisión o proceso de retribucións dos empregados públicos a ningún nivel nin está previsto establecer ningún tipo de incentivos económicos a curto prazo distintos dos xa existentes”. O titular de Presidencia fixo hoxe estas declaracións en Silleda tras asistir a unha xuntanza do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia.
Méndez Romeu explicou que no sistema actual de retribucións dos empregados públicos xa existen conceptos ligados ao posto de traballo, á categoría profesional e mesmo vinculados á produtividade, inda que o xeito de entender a produtividade no sector público é bastante diferente que no privado, afirmou.
O conselleiro lembrou que a lexislación actual neste eido está baseada nunha norma novidosa –o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP)- aprobada polo Goberno central no ano 2006 e que inda non foi desenvolta nin no marco estatal nin en ningunha Comunidade Autónoma xa que isto se realizará de xeito “lento”, “complexo” e “consensuado” tanto cos poderes territoriais como cos representantes dos traballadores públicos.