07 enero 2009

Axudas para fomento
do asociacionismo municipal

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará un total de 134.950 euros ao fomento do asociacionismo municipal, a través de mancomunidades de municipios, áreas metropolitanas e consorcios. Así se recolle na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG).
Así, establécense subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2009 en favor destas entidades no que se refira aos gastos de funcionamento ou os referidos á prestación de servizos de carácter obrigatorio para os municipios asociados.

Para pedir estas axudas, as organizacións interesadas deberán ter presentadas as súas contas do exercicio 2007 no Consello de Contas de Galicia. Non serán consideradas as solicitudes daquelas entidades supramunicipais que non teñan actualizados os seus datos no rexistro correspondente da Consellería de Presidencia, e o mesmo sucede cos consorcios locais dos que forma parte a Xunta e financia, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Na valoración de solicitudes ponderaranse criterios como o número de núcleos de poboación que son atendidos pola entidade; os servizos que esta presta con carácter intermunicipal; os proxectos que supoñan unha racionalización de actuacións e un aforro de custos en relación coa prestación de forma illada por cada concello; e as necesidades da entidade valorando os seguintes aspectos: creación de áreas metropolitanas, funcionamento de mancomunidades e consorcios e estudos para a creación de consorcios ou mancomunidades.

A axuda económica que se conceda poderá acadar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das peticións presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

Documentación necesaria
O prazo para presentar solicitudes será dun mes. Xunto con elas deberanse incluír unha certificación do acordo asembleario no que se aproba o acollemento aos beneficios destas axudas; a relación da previsión dos servizos que se pretenden realizar e para os que se solicita a subvención; o orzamento detallado dos gastos de funcionamento para os que se pide a mesma; o certificado do secretario da presentación das contas de entidade no Consello de Contas de Galicia; e a declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto doutras administracións públicas.

Se algunha documentación da solicitada neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local -e non se producise nela ningunha variación dende que foi presentada- non será necesario achegala novamente.