VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo secretario xeral do seu departamento, Miguel Ángel López Sieiro, e o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, mantivo este mediodía unha xuntanza con representantes de lonxas galegas co fin de realizar unha avaliación da marca de calidade “pescadeRías, ¿de onde se non?” nos seus máis de dez meses de andaina. Así mesmo, o obxectivo deste encontro foi recoller as impresións do propio sector sobre as vendas dos seus produtos baixo este distintivo de calidade e escoitar as súas achegas con respecto á mesma.
O marchamo, posto en marcha pola Administración pesqueira galega, na súa relativa curta traxectoria, está a acadar uns resultados francamente positivos. De feito, así o resaltou a titular de Pesca ao comezo deste encontro, destacando que dende a súa posta en marcha en marzo de 2008 e ata o finais do pasado ano certificáronse un total de 418.000 quilos de especies pesqueiras e marisqueiras. Ademais, cos datos xa actualizados, comentou que a día de hoxe comercializáronse máis de 440.000 quilos de produtos baixo a marca “pescadeRías”.
Os representantes do sector pesqueiro que participaron na reunión de hoxe alabaron tamén a posta en marcha do distintivo de calidade para os recursos da pesca de baixura e o marisqueo porque, segundo indicaron, dálle valor engadido aos seus produtos e permite diferencialos dos que veñen de fóra.
Actualmente, un total de dezanove entidades do sector da pesca de baixura e o marisqueo da nosa comunidade autónoma están autorizadas para certificar, etiquetar e vender os recursos mariños que extraen do mar baixo este marchamo. Trátase das confrarías de Baiona, Bueu, Aguiño, Portonovo, Cangas, Cedeira, Arcade, Sada, Fisterra, Ribadeo, Barallobre, Mugardos, Moaña, O Vicedo, Vilaboa, Noia, así como a lonxa do Campelo, a lonxa de mariscos de Vigo e a cooperativa Mar do Morrazo. Ademais, empresas distribuidoras de importancia en Galicia, en total cinco, están a comercializar xa recursos pesqueiros amparados pola marca de calidade, ao igual que tres empresas depuradoras. Así mesmo, fábricas de transformación galegas, outras “rulas” da nosa rexión e depuradoras están ultimando os trámites para poder certificar as súas mercadorías en breve.
Cabe destacar tamén que, a día de hoxe, son noventa e cinco as especies que se están a certificar das noventa e nove que o regulamento da marca establece como susceptibles de ser amparadas polo distintivo “pescadeRías, ¿de onde se non?”.
Balance “pescadeRías” en 2008
Cabe destacar que en 2008, dende marzo a decembro do ano pasado, a lonxa do Campelo foi a entidade que subhastou maior cantidade de produto “pescadeRías”. Foron en total 197.524,49 quilogramos de moluscos bivalvos, dos que 151.204,40 foron de berberecho, 22.839,20 de ameixa fina, 21.831,29 de babosa e 1.646,60 de ameixa bicuda. A seguinte entidade que máis produto certificado vendeu foi a lonxa de Baiona con 91.960,65 quilos, dos que 3.017 foron de bivalvos, 56 de cefalópodos, 29.976,25 de crustáceos, 50.404,50 de equinodermos e 8.506,90 de peixes. A terceira confraría en cantidade de recursos mariños etiquetados con “pescadeRías” foi a de Vilaboa que vendeu un total de 82.166,73 quilos, na súa totalidade de moluscos bivalvos: 862,75 de ameixa babosa, 6.433,65 de ameixa fina, 4.382 de rubia, 49.590,63 de xaponesa, 20.369 de berberecho e 528,70 de carneiro.
A estas tres entidades séguenlle en importancia as confrarías de Bueu e Aguiño con máis de 19.000 quilos vendidos de produtos “pescadeRías” cada unha, Portonovo con case 5.000 quilos e Mugardos con máis de 2.000. A continuación sitúanse O Vicedo con algo máis de 230 quilos, Ribadeo con 131 e Cangas con 128 quilos.
Valor engadido para os produtos da baixura galega
A Administración Pesqueira galega puxo en marcha no ano 2008 a única marca de calidade para os produtos da pesca de baixura e o marisqueo que comezou a súa andaina o pasado día 7 de marzo. Previamente, no mes de febreiro, o Presidente da Xunta de Galicia, xunto coa Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos e representantes do sector pesqueiro, presentaron oficialmente o novo distintivo na Praza de Abastos de Santiago de Compostela.
A creación deste selo por parte do departamento que dirixe Carmen Gallego, que conta co respaldo do conxunto dos profesionais, ten por obxectivo principal darlle valor engadido aos produtos da baixura de Galicia, co fin de que as xentes do mar melloren as súas rendas. Así mesmo, a marca de calidade busca que os consumidores estean ben informados sobre o que levan a casa, axudando a evitar o fraude aos compradores.
Baixo a marca de calidade “pescadeRías, ¿de onde se non?” están amparados todos aqueles recursos procedentes da pesca e o marisqueo frescos ou preparados, extraídos en augas da plataforma continental situada entre as liñas que marcan a desembocadura do Río Miño e o Eo pola frota que sae e entra diariamente de porto, e que son capturados con artes selectivas. Os criterios que caracterizan a estes produtos son a orixe galega da pesca artesanal, un tempo de desembarco dende a súa captura non superior ás 24 horas e uns estándares de calidade.
Desta forma, un total de noventa e nove recursos procedentes da baixura galega poden acollerse á certificación “pescadeRías”. Os grupos de especies amparados pola marca son as algas, os moluscos, os crustáceos, os equinodermos e os peixes, mentres que os usuarios dos recursos certificados polo distintivo son as lonxas, os centros de depuración/expedición, as cetarias e os distribuidores de peixes e mariscos que teñen as súas instalacións en territorio galego. Así mesmo, o regulamento da marca de calidade contempla a posibilidade de certificación daquelas empresas que realicen en Galicia procesos de transformación de produto amparado por este marchamo, aínda que neste suposto certificarase a cadea de custodia do produto que leva o selo.
Estas instalacións deben cumprir coas concesións, autorizacións, licenzas ou permisos que lle sexan de aplicación segundo as disposicións legais vixentes que regulan e afectan á súa actividade. Para isto, cada empresa debe ter identificados todos os requisitos legais aplicables ás súas infraestruturas e á súa actividade, dispor dos permisos e licenzas establecidos pola lexislación, e atender ás inspeccións e rexistros necesarios que aseguren o cumprimento dos requisitos legais e das normas específicas do regulamento da marca “pescadeRías, ¿de onde se non?”.
Ademais, os usuarios do distintivo deben garantir o cumprimento da normativa vixente hixiénico-sanitaria que se lles aplique, en especial aquela referida á adecuación das prácticas e comportamentos do persoal na manipulación dos produtos, das condicións ambientais de manipulación (temperatura, limpeza e desinfección) e das instalacións e equipamento empregados.