VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O PPdeG realizou hoxe un balance da actuación do bipartito de Touriño en Vigo, "unha cidade que nestes caso anos foi obxecto de enganos e de perdas impulsadas pola Xunta de Galicia". O deputado popular Ignacio López-Chaves considera que co remate da lexislatura, Touriño vaise sen ser capaz de inaugurar actuación algunha en Vigo porque nada se fixo na cidade nestes últimos catro anos.
O deputado vigués do PPdeG realizou un repaso das promesas electorais de Touriño nas autonómicas de 2005 e concluíu que ningún deses anuncios foi materializado desde entón. Nin o novo Hospital, que está sen Plan Sectorial, sen terreos, e sen financiamento; nin Cidade da Xustiza, nin Cidade do mar, nin Auditorio, nin garderías, nin a ampliación da Ponte de Rande, nin investimentos en infraestruturas, nin financiamento para o museo MARCO. “Touriño nada fixo e nada pode presentar agora presentar como balance”, afirma o deputado popular.
López-Chaves preguntou a Touriño polo prometido traslado da Consellería de Pesca a Vigo, que foi a súa promesa central á cidade en 2005 e comprometida coa súa palabra. O PPdeG pregunta agora onde está a palabra de Touriño, que demostrou que non é unha persoa de fiar, porque é capaz de prometer o primeiro que se lle ocorra para tentar obter uns votos máis. Por iso, o PPdeG considera que Touriño carece de credibilidade política con Vigo, logo de ter mentido e enganado con ese prometido traslado.
“Señor Touriño: en Vigo xa estamos fartos da súa nefasta xestión coa cidade, do seu goberno vanidoso que despreza a Vigo, do seu centralismo, do seu boicot e das súas mentireiras promesas, que imos a crer. Forma parte dun triste pasado que en Vigo queremos esquecer?, sinala Ignacio López-Chaves.
A mostra mais evidente dese desprezo a Vigo é, a xuízo do PPdeG, o boicot á Lei da Area Metropolitana, que foi o primeiro compromiso que o presidente da Xunta asumiu coa Alcaldesa de Vigo, Corina Porro e que Touriño tamén incumpriu, chegando mesmo a boicotear no Parlamento a iniciativa do PPdeG para a creación desa Área. Touriño tamén boicoteou a iniciativa lexislativa popular de creación da Area Metropolitana ao alargar os prazos e utilizar a Xunta e aos deputados do PSOE e BNG na o Parlamento para impedir que saíse adiante.
CENTRALISMO PERIFÉRICO
Así, o informe de xénero que debe levar toda Lei, cando é unha iniciativa da CIG, a Xunta emite ese informe en días. Sen embargo, coa iniciativa lexislativa popular impulsada polos veciños de Vigo, pasaron 20 días e o informe non se emitiu. Neste escenario, Ignacio López-Chaves acusou a Touriño de practicar, coa colaboración entusiasta do BNG, un trasnoitado “centralismo periférico” encamiñado a impedir que Vigo teña algunha capacidade de decisión.
O PPdeG esixe a Touriño que cese calquera novo intento de engano aos vigueses servíndose das mesmas promesas que hai catro anos, que nunca cumpriu e agora volve prometer. “O Goberno de Touriño foi nefasto para a cidade e agora vén buscar os votos, porque Vigo só lle interesa en período electoral, para facer unha visita e prometer o que sabe que non vai cumprir”, asevera o deputado popular.