04 octubre 2008

Ponteareas : continúa a polémica
dos verquidos no rio Tea

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- O BNG afirmou este sábado que "dende que no ano 1995 se inaugurou a estación depuradora existen varios vertidos ao río Tea procedentes da rede xeral de sumidoiros da vila de Ponteareas e da propia Depuradora que seguen sen solucionarse e polos que estamos sendo sancionados. Tanto agora a nivel da Comunidade Económica Europea como dende a Confederación Hidrográfica do Norte se está sancionando polos verquidos ao río Tea".
Para os nacionalistas pontareáns, é necesario "lembrar que o BNG, fai máis de dez anos, xa plantexara no seu momento este tema no Parlamento Galego, onde se recoñeceu que o problema debíase fundamentalmente ao encauzamento de varios regatos, entre eles o da Venda, pola rede de colectores de sumidoiros, o que provocaba un exceso de caudal na Depuradora. A pesares das reiteradas denuncias do BNG o Concello non realizou a separación do regato e da rede de sumidoiros polo que o problema prosegue. Dende o BNG lamentamos que o Partido Popular, en máis de 30 anos de goberno en Ponteareas, non arranxe o problema dos verquidos e esiximos solucións a este problema de contaminación continuada que fan perigar especies de importante valor, algunhas en perigo de extinción, sendo o Tea un Lugar de Interese Comunitario".
Segundo os nacionalistas, un exemplo claro de deixadez do goberno municipal é que nin siquera son capaces de executar obras básicas financiadas por outras administracións véndose obrigados a pedir prórrogas na execución de pequenos tramos de saneamento como é o caso de Canedo, A Freixa e San Roque.