04 octubre 2008

Redondela : o PP esíxelle explicacións a Rei sobre as actuacións do Porto de Vigo no embarcadoiro de mineral

REDONDELA (MORRAZO-tribuna) .- A voceira do PP de Redondela, Francisca Canal, reclámalle ó alcalde, Xaime Rei, que compareza para dar explicacións sobre o acondicionamento que o Porto de Vigo está a levar a cabo no antigo embarcadoiro de mineral, en Rande. "Pedimos unha comparecencia do alcalde para que nos dea conta das actuacións que está a realizar no municipio a Autoridade Portuaria viguesa", declarou hoxe Canal.
E é que o Partido Popular redondelán atópase preocupado polas consecuencias que poidan conlevar as obras nesta zona que, lembremos, está suxeita á Lexislación de Costas e afectada pola Rede Natura (espazo protexido Enseada de San Simón), tal e como especifica o informe técnico elaborado polo arquitecto municipal sobor deste proxecto.
A presidenta dos populares redondeláns insiste en que Rei debe informar sobre estas actuacións, "e non nos vale que nos diga que as descoñece porque como dirixente municipal ten o deber de estar ó tanto", insiste Canal, quen ademais recorda que "o alcalde forma parte do consello administrativo da Autoridade Portuaria de Vigo, co que non pode alegar descoñecemento do tema".
As obras previstas para o embarcadoiro de mineral e incluídas no programa P.A.I.F. de inversións (Programa de Actuación, Inversións e Financiación) son a demolición das pequenas instalacións existentes (muros, soleiras, galpóns...), 36.000 metros cúbicos de excavación, 20.500 metros cúbicos de pedraplanado, 19.600 metros cadrados de base e soleira, 100 metros de pechamento de 2,5 metros de altura con reixa metálica, caseta de control de 10 metros cadrados e 3,20 metros de altura e instalacións de electricidade (torres iluminación, centro de transformación...), auga (pozo, conduccións...) e sumidoiros (colectores, arquetas, depuradora...). Estas obras teñen o fin de obter unha explanada para almacenamento de contedores de 19.600 metros cadrados, que se fai necesaria debido ó incremento de tráfico de contedores dos últimos anos e da escasa superficie dispoñible dentro da terminal viguesa de Guixar. A superficie da explanada está situada en parte (aproximadamente un 50%) por riba do Deslinde Marítimo Terrestre, sendo o resto de Dominio Público.