13 enero 2009

"AVE" Vigo-Oporto : Ruiz Rivas dice que Touriño vuelve a ejercer de Pinocho

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-Cero credibilidade. O anuncio de que Vigo e Porto estarán conectadas por AVE no ano 2013 non ofrece credibilidade algunha ao PPdeG, na medida en que os galegos xa están acostumados a que tanto a Xunta como o Ministerio de Fomento os enganen con prazos ficticios que non se acaban materializando.

Manuel Ruiz Rivas, portavoz parlamentario do PPdeG, opina que co anuncio efectuado onte en Lisboa, “Touriño exerce de presidente-pinocho, por mentireiro, cando afirma que o Ave Vigo-Porto estará listo en catro anos, malia carecer dos proxectos técnicos necesarios e do financiamento preciso”.

Para reafirmar esta aseveración, Ruiz Rivas recorda que nos últimos catro anos non se produciu avance algún na elaboración dos proxectos ou na definición do trazado. “Pretender convencernos de que nos vindeiros catro anos van facer todo o que tiveron paralizado na lexislatura que remata non é unha tarefa doada para un Touriño no que os galegos deixaron de confiar cando fala de prazos para a execución das grandes obras públicas que precisa a Comunidade Autónoma”, afirma o portavoz parlamentario dos populares galegos.

Agrega o voceiro popular que tanto a Xunta como Fomento perderon toda a súa credibilidade para ofrecer prazos e, proba diso, é que continúan sinalando o ano 2012 como data tope para o remate do Ave entre Galicia e a Meseta, cando ese prazo é materialmente imposible, máxime tendo en conta que o tramo de maior custe e maior complexidade técnica, o comprendido entre Ourense e Lubián, nin sequera dispón de proxecto técnico na súa totalidade a día de hoxe.

Así as cousas, o PPdeG amósase convencido de que facer realidade o AVE Vigo-Porto para que entre en servizo en 2013 resulta igual de imposible que materializar a conexión de Galicia con Madrid por alta velocidade no 2012. Ademais, a falta de concreción exhibida onte pola Ministra de Fomento en relación con estes prazos confirma aínda máis as dúbidas do PPdeG ao respecto.