14 enero 2009

O Plan Cultural 2009 da Deputación

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Deputación Provincial de Pontevedra dotará con 400.000 euros o Plan Cultural do 2009. A este importe haberá que sumarlle a colaboración de Caixanova que anualmente participa neste programa con 150.000 euros.

A Xunta de Goberno celebrada hoxe aprobou bases deste programa que constitúe a liña de colaboración máis importante que institución ofrece cada ano co obxectivo de impulsar e fomentar a cultura popular nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, en colaboración con concellos, agrupacións e asociacións. Segundo informou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, “no 2008 tomaron parte deste plan 818 entidades musicais da provincia pero tendo en conta que cada ano aumenta a participación entre un 5 e un 10 por cento prevemos que este ano poderíamos chegar ás 1.000 agrupacións participantes.

O titular do organismo provincial informou tamén de que mantivo conversas con presidentes doutras deputacións de fóra de Galicia para organizar intercambios e actuacións entre agrupación dos diferentes lugares. Sobre este respecto, Louzán explicou que “estamos estudando esta posibilidade porque ó dispoñer de instalacións como as de Príncipe Felipe ou do Centro da Lanzada” a iniciativa sería viable economicamente.

Segundo establecen as bases, pendentes de ser aprobadas pola Xunta de Goberno, cada actuación será retribuída cos seguintes importes: bandas de música 600 euros (grupo A); 500 euros (grupo B) e 450 euros (grupo C); masas corais 270 euros (grupo A) e 240 euros (grupo B); grupos folclóricos 270 euros (grupo A); 210 euros (grupo B) e 170 euros (grupo C); música tradicional 240 euros para bandas de gaitas, 170 para grupos de gaitas, 240 para rodas e 270 para folk; música clásica 240 euros (grupo A); 210 euros (grupo B) e 340 euros (grupo C); teatro 500 euros (grupo A); 375 euros (grupo B) e 300 euros actividades de maxia; as actuacións de ballet e danza 240 euros; e finalmente, os humoristas 210 euros. As restantes actuacións que non estean integradas nestes grupos serán retribuídas con 210 euros.


Á hora de seleccionar as actuacións valorarase cun 40% a adecuación da actuación ó interese provincial; cun 20% a importancia do acto a desenvolver; cun 20% o número posible de beneficiarios do evento; e, finalmente, cun 20% a dispoñibilidade das agrupacións solicitadas para realizar a actuación.

As entidades interesadas en participar neste programa cultural deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral da Deputación a partir do día seguinte ó da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincial e ata o 7 de febreiro de 2009.