VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza avisa dun episodio meteorolóxico adverso por mar de fondo, que afectará ás augas costeiras da Comunidade Autónoma galega a partir de hoxe. Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía, agárdanse ondas de entre 4 e 5 metros, o que motivará a activación do nivel de alerta laranxa. Igualmente, compre destacar que, na área costeira de Fisterra, o vento en mar soprará de compoñente suroeste con Forza 8 e o mar de vento dará lugar a áreas de mar moi grosa. Estes valores correspóndense cun nivel de alerta amarelo, que afectará tamén ás augas costeiras da Comunidade.
Por outra banda, a Axencia Estatal de Meteoroloxía anuncia a finalización do episodio adverso por temperaturas mínimas extremas, aínda que mantén activo un aviso de nivel de alerta amarelo de neve nas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense para a primeira metade de mañá martes. As precipitacións de neve acumulada poderán acadar os 5 centímetros nalgúns casos.
A Dirección Xeral de Protección Civil, a través do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, alertou aos concellos costeiros das provincias afectadas e aos os organismos das administracións estatais, locais e autonómicas, así como aos servizos provinciais de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e aos clubs náuticos para que se adopten as precaucións oportunas con respecto ao fenómeno adverso de mar de fondo, que afecta a toda a franxa costeira de Galicia. Tamén se informou da situación por neve na montaña ás Deputación provinciais de Lugo e Ourense, aos concellos afectados e aos parques de bombeiros de ámbalas dúas provincias.
A Dirección Xeral tamén quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar. Igualmente, nos lugares afectados pola neve, recoméndase extremar a precaución nas estradas e informarse do seu estado antes de realizar calquera desprazamento.
Por último, aconséllase consultar a páxina web do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.