VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno Central que informe sobre os convenios subscritos cos departamentos de Correos doutros países para impedir a fraude no voto emigrante.
Ademais, o senador nacionalista solicítalle ao Goberno información sobre as partidas de diñeiro público destinadas a estimular a participación eleitoral entre a colectividade emigrante e sobre os gastos do sistema de voto por correo para os inscritos no CERA.
Pérez Bouza lembra que os cidadáns inscritos no CERA, agora denominado Censo de Cidadáns Españois no Exterior, “non poden exercer o dereito a un voto libre, secreto e directo, debido a que o vixente sistema de voto por correo préstase a todo tipo de manipulacións e vulneracións, en especial nalgúns Estados, pola falla de esixencia da verificación da documentación que se esixiría no Estado español, polo que se vulnera ademais a igualdade para o exercicio do dereito a voto”.
Neste sentido, o senador do BNG denuncia que o sistema de voto por correo “ofrece nulas garantías democráticas, polo feito de que a entrega do sobre de votación requirido coas papeletas e o certificado censal nas oficinas de correos do estranxeiro, nalgúns casos e dependendo dos Estados e dos convenios existentes, os funcionarios non solicitan ningún tipo de acreditación e identificación que verifique que a persoa que entrega o sobre é a mesma que exerce o dereito ao voto”.
Máis do 13% do censo galego e segue medrando
O senador do BNG chama unha vez máis a atención sobre estas irregularidades e advirte de que “a situación é extremadamente grave en Galiza, onde o CERA, a 1 de decembro suma xa 334.134 inscritos, o que supón o 13% do censo galego, unha cifra moi por riba da media estatal, situada no 3%”.
Ante esta situación “alarmante” Xosé Manuel Pérez Bouza subliña que “o BNG ven mantendo, a diferenza de PP e PSOE, unha postura coherente: o sistema de votación debe cambiarse polo de voto en urna, un sistema que é posíbel implantalo tecnicamente e garantiría moita maior calidade democrática”.