VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O Consello reitor do IPESPO (Instituto para a Promoción e Equipamento de Solo Industrial da Provincia de Pontevedra ) ven de aprobar as fases I e II do proxecto construtivo para o abastecemento de auga ó conxunto industrial de Barro-Meis que promove a Deputación Provincial de Pontevedra. Este proxecto, que tamén permitirá conducir o subministro de auga a núcleos de poboación de Barro, suporá un investimento de 3.910.747,11 euros dos cales 3.362.059,44 euros financiarán a fase I e os restantes 548.687,67 euros a fase II.
Precisamente, a Fase I permanecerá a exposición pública durante un período de 20 días dende a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do xoves 8 de xaneiro de 2009.
As obras a executar na primeira fase consistirán na captación de auga no río Chaín, na construción dunha planta de tratamento de auga (ETAP) no Concello de Barro, e na instalación da tubaria de condución dende esta planta ata o depósito que se situará no polígono. A construción deste depósito está incluída nas obras de execución do parque empresarial que xa están en marcha.
Subministro óptimo e sostible
Con esta actuación preténdese establecer un sistema que consiga, cunha explotación sostible do recurso, proporcionar auga potable en cantidade e calidade adecuada ó consumo da zona do ámbito de actuación cunha garantía de subministro adecuada e un custe de explotación óptimo, en beneficio dos usuarios. Compre destacar que esta obra permitirá abastecer a diferentes núcleos de poboación de Barro como é o de San Antoniño, entre outros.
A dotación media diaria de auga será de 0,5 litros por segundo por cada hectárea de parcela. Así, tendo en conta as superficies dos sectores a demanda de caudal medio diario a abastecer será de 16,47 litros por segundo para a SRAU Outeda-Curro, cunha superficie bruta de 50,49 hectáreas e de 32,94 neta; de 5,57 litros por segundo para a SUI-1 de Barro, cunha superficie bruta de 17,09 hectáreas e neta de 11,14; e de 14,90 litros por segundo para a SUI-2 de Meis que conta cunha superficie bruta de 43,84 hectáreas e neta de 29,80 hectáreas.
Financiamento da primeira fase
As obras fa primeira fase financiaranse no marco dun convenio de colaboración entre o IPESPO e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos da Xunta de Galicia (EPOSH) que foi asinado o 4 de abril de 2008. Así, os 3.362.059,44 euros da fase I serán financiadas ó 70% con fondos do IPESPO cunha achega de 2.353.441,61 euros e ó 30% con cargo ós orzamentos da EPOSH cun importe de 1.008.617,83 euros.
O organismo autónomo da Deputación Provincial de Pontevedra encargarase de xestionar os trámites e expedientes pertinentes, mentres que a entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente será a encargada de licitar e contratar os traballos.