12 enero 2009

A voltas dos debates electorais

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, asegurou que “os mesmos que antes lle negaban aos galegos e galegas o dereito a ver un debate entre os candidatos das distintas forzas políticas galegas son os que agora teñen medo a debater con Anxo Quintana”.
Jorquera valorou en rolda de prensa a pretensión de TVE de organizar un debate eleitoral de cara ás próximas eleccións galegas unicamente entre os candidatos do PP e do PSOE, excluíndo ao candidato do BNG, Anxo Quintana, “unha ilegalidade e unha fraude ao pluralismo informativo que a sociedade galega non vai permitir”.


“TVE non entende que Galiza non é Madrid e de que os galegos e galegas elixiron un mapa político propio”

O coordinador executivo nacionalista denunciou que “esta estratexia de TVE está ao servizo dos que queren desgaleguizar as eleccións galegas e de que Galiza non teña espazo político propio”.

“Queren trasladar a Galiza o bipartidismo estatal PP-PSOE como se Galiza non tivese unha dinámica política propia que claramente é a tres. É una atentado contra o pluralismo político e a sociedade galega non vai permitir que desde Madrid se cometa esta ilegalidade”, advertiu.

“Núñez Feijoo está obsesionado por excluír a Anxo Quintana dos debates porque sabe que vai perder”

Neste sentido, o coordinador executivo do BNG lembrou “a teima obsesiva de Alberte Núñez Feijoo de excluír a Anxo Quintana dos debates eleitorais porque sabe que vai perder e para evitalo pretende facer trampa”.


Proposta do BNG: un debate a tres sobre política xeral e propostas contra a crise

Ante a actuación de RTVE, Francisco Jorquera anunciou que “o BNG vai establecer contacto con representantes do PP e do PSOE para consensuar o modelo de debate eleitoral”.

A este respeito, adiantou que “a proposta do BNG é que se fagan dous debates cos líderes das tres forzas políticas galegas: un de política xeral galega e outro sobre a crise económica, porque pensamos que é un asunto que preocupa e moito á sociedade e, polo tanto, merece un debate propio sobre as medidas propostas polos distintos partidos”.

“De non prosperar esta negociación –advertiu- , o BNG recorrerá a todos os instrumentos xurídicos e legais para que prevaleza o dereito dos cidadáns a unha información plural”.

Acertada decisión da Xunta Eleitoral

Por último, e a preguntas dos xornalistas sobre a decisión da Xunta Eleitoral de Galiza de impedir unha campaña de publicade da Consellaría de Presidencia entre os galegos e galegas do exterior, Francisco Jorquera considerou “acertada” a resolución.

“Non se fai máis que cumprir cunha lexislación eleitoral que xa de por sí é moi laxa, tal como ven denunciando o BNG”.