MOS (MORRAZO-tribuna).- A alcaldesa de Mos convocará a Xunta Local de Seguridade Informará ó subdelegado do goberno para que acuda a esta reunión que se celebrará con motivo dos roubos acontecidos no municipio últimamente Ante a situación de inseguridade que o municipio de Mos está a vivir nos últimos tempos a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, anunciou que convocará a Xunta Local de Seguridade. A rexedora local comunicou que informará inmediatamente ó subdelegado do goberno na provincia de Pontevedra, Delfín Fernández, para que estea presente na próxima convocatoria de dita comisión que, segundo Nidia Arévalo, "leva meses sen celebrarse".
Hai que lembrar que nos últimos meses aconteceron tres roubos na localidade. O último deles, e aínda recente, foi un atraco a man armada nunha panadería próxima ó hospital do Rebullón. A alcaldesa explicou hoxe que "o atracador actuou armado cunha escopeta recortada causando graves secuelas psicolóxicas ó persoal do negocio" e manifestou que "é preciso erradicar de inmediato a inseguridade en Mos". Arévalo declarou tamén que espera que a vindeira comisión poña en funcionamento medidas que posibiliten a solución do problema xa que "as anteriores comisións, celebradas cando María Jesús Escudero era aínda alcaldesa, non serviron de nada". E lembrou ademais que "o subdelegado de goberno xa lle chamara a atención a Escudero por continuar cos catro mesmos policías locais de toda a vida e non aumentar a plantilla". "Nos últimos cinco anos", insistiu Nidia Arévalo, "a exalcaldesa de Mos non foi capaz de cubrir as prazas de policía local que faltan por ocupar". A rexedora municipal concluiu afirmando que "é necesario que se poña a funcionar xa o aparato de seguridade en Mos e, se fai falla, recurrir a dotacións da Garda Civil para rematar coa inseguridade no Concello".