03 enero 2009

La Xunta anuncia piscinas para Cangas, Marín, Bueu y Moaña

O MORRAZO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Dirección Xeral para o Deporte anunciou con especial éfase na fin de semana que está a facer na comarca do Morrazo "un gran esforzo para dotar aos concellos de Cangas, Marín, Bueu e Moaña de instalacións deportivas axeitadas. As últimas actuacións realizadas e as proxectadas para iniciar en 2009 sitúan o investimento na comarca en máis de 5 millóns de euros, a maior cantidade achegada nunca de forma simultánea para a mellora do deporte no Morrazo".

Nas próximas datas inaugurarase a piscina cuberta climatizada de Moaña, na que a Consellaría de Cultura e Deporte investiu 1.172.000 euros en tres anualidades. A esta actuación seguirán este ano outras dúas no mesmo sentido: a construción de piscinas cubertas en Cangas e Bueu.

A piscina cuberta de Cangas conta cun orzamento de case 2 millóns de euros, dos que a Dirección Xeral para o Deporte achegará 1,7 millóns. No caso de Bueu, o proxecto sacarase a licitación antes de verán. Conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, dos que a Dirección Xeral achegará o 80% e o concello o 20% restante. As dúas actuacións executaranse en tres anos.

En Marín vaise acometer este ano a reforma das pistas de atletismo. Para este fin a Consellaría achegará 400.000 euros, o que supón o 85% do orzamento total.

"Estas grandes actuacións na comarca complétanse con outros pequenos investimentos destinados á mellora e reformas de equipamentos deportivos. En Bueu está previsto o investimento de 87.000 euros entre os anos 2008 e 2010 para a mellora dos vestiarios do campo de fútbol, que hai que sumar aos 11.000 que se destinaron a unha intervención no campo en 2006. En Marín actuouse no 2006 na mellora do pavillón da Raña, cun investimento de 20.000 euros. A estes hai que sumar os 45.000 que se están a dedicar ás reformas no campo de fútbol de San Pedro, que se iniciaron o ano pasado e se rematarán este ano. En Cangas, ademais de dedicar 8.000 euros ao equipamento do ximnasio das pistas de atletismo, estase a traballar na construción dunha pista de skate, na que se investirán 70.000 euros entre o ano pasado e este", referiu a Xunta nunha nota de prensa.