VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- En xaneiro do ano 2006 entrou en vigor en España a Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade do produtos do tabaco, que recolle, entre outras medidas orientadas á diminución da exposición ao fume ambiental do tabaco, a prohibición de fumar nos lugares de traballo ou a limitación parcial nos lugares de hostalería. Comparando a situación de antes da entrada en vigor desta normativa (ano 2005), coa posterior (anos 2006 e 2007), a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade constata unha importantísima redución á exposición ao fume do tabaco.
Así, na poboación galega de 16 a 74 anos, a exposición diaria nos domicilios ao fume ambiental de tabaco rebaixouse en preto dun oito por cento, ao pasar do 23,96 por cento de 2005 ao 16,28 por cento de 2007. Nos lugares de traballo, esa exposición diaria rebaixouse en máis dun 27 por cento, ao reducirse dende o 40,97 por cento do ano 2005 ao 13,76 por cento de 2007. Polo que atinxe á exposición ao fume ambiental do tabaco de xeito diario nos lugares de ocio, tamén se rebaixou en preto dun 2,5 por cento, ao pasar do 25,47 ao 23,16, tamén de 2007.
Non obstante, a Dirección Xeral de Saúde Pública considera que se detecta un certo estancamento desta redución no último ano analizado (2007), polo que cre necesario incrementar a vixilancia sobre a aplicación da Lei, pese a que Galicia é considerada por Rodrigo Córdoba, membro da xunta directiva da Comisión Nacional para a Prevención do Tabaquismo, como unha das tres comunidades que “fixo os deberes nesta materia”.
Tres ambientes de exposición
Dende o ano 2005, véñense incluíndo nas enquisas do Sistema de Información sobre Condutas de Risco (SICRI), preguntas que permiten estimar a prevalencia poboacional de exposición ao fume ambiental de Tabaco en Galicia. Como nas enquisas realizadas con anterioridade, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, considerou tres ambientes de exposición, o domicilio, o traballo e os lugares de lecer.
Ademais, consideráronse dúas categorías de exposición. Por unha banda, as persoas que din estar, ben a diario ou de xeito ocasional, en lugares onde hai fume ambiental de tabaco; e, pola outra, aquelas outras que din non estar en lugares onde hai fume ambiental de tabaco. Tamén preguntouse polo tempo de exposición, tanto diario (horas/día) como ocasional (horas/semana).
Dos resultados da enquisa, que abrangue os dous primeiros anos de funcionamento da Lei de medidas fronte ao tabaquismo (2006 e 2007), o 71 por cento da poboación galega con idades comprendidas entre os 16 e os 74 anos sinala estar exposta, de xeito diario ou ocasional, ao fume ambiental do tabaco, ben no traballo, na casa ou nos lugares de lecer. Tendo en conta o sexo, a prevalencia de exposición é máis alta nos homes que nas mulleres, 77 por cento fronte ao 65 por cento.
Entre os mozos de 16 a 24 anos a prevalencia autodeclarada de exposición é do 93 por cento, non aparecendo diferenzas en función do sexo. Así, a medida que a poboación ten máis anos diminúe a prevalencia de exposición e acentúanse as diferenzas por sexos. Deste xeito, no grupo de idade de 25 a 44 anos, o 82 por cento da poboación declara estar exposta, 87 por cento nos homes e 78 por cento nas mulleres; e o 55 por cento dos de 45 a 74 anos, 64 por cento en homes e 46 por cento en mulleres. Destaca, neste punto, o descenso na prevalencia de exposición, tanto nos fumadores coma nos non fumadores, a medida que avanzan os grupos de idade, sendo este descenso máis acusado nos non fumadores.
O traballo resalta que segue a ser moi elevada a prevalencia de exposición das persoas non fumadoras, en especial na mocidade, das que o 91 por cento afirma estar exposta ao fume ambiental de tabaco, ben de xeito diario ou ocasional. Hai que sinalar que a prevalencia de exposición presentada está influída pola elevada exposición ocasional, principalmente nos lugares de lecer, onde o 45 por cento da poboación entre 16 e 74 anos din estar expostos de xeito ocasional, elevándose esta porcentaxe ata o 65 por cento entre os que teñen de 16 a 24 anos.
En todos os ámbitos considerados da enquisa, a prevalencia de exposición é máis alta entre os fumadores. Ademais, en todos os casos, excepto na exposición no traballo dos non fumadores, aparecen diferenzas significativas en función do sexo, posto que as mulleres, tanto fumadoras coma non fumadoras, só declaran unha exposición máis alta na casa, no resto dos ambientes a prevalencia de exposición é máis alta nos homes.
Destaca, tamén, entre as persoas que fuman, a alta exposición que declaran nos lugares de lecer, onde un de cada catro di estar exposta a diario. As horas de exposición que tanto as persoas que fuman como as que non o fan din estar expostas ao día varía en función do ámbito. Así, tanto fumadores coma non fumadores din estar expostos no traballo máis horas ao día que na casa e no lecer, en global.
As horas declaradas de exposición ocasional varían en función do ámbito. Deste modo, o 50 por cento da poboación galega exposta de xeito ocasional está en contacto co fume ambiental de tabaco dúas horas ou menos á semana na casa e no traballo, e tres horas no lecer. Se ben un 10 por cento declara estar exposto máis de dez horas á semana no traballo, máis de sete horas no lecer, e máis de seis na casa.
Como conclusión, a Dirección Xeral de Saúde Pública reitera, en primeiro lugar, a importantísima redución á exposición ao fume do tabaco, como consecuencia da entrada en vigor da Lei. Non obstante, a prevalencia de exposición autodeclarada ao fume ambiental desta substancia, dous anos despois da implantación da Lei, segue a ser alta.
Así, sete de cada 10 galegas e galegos de 16 a 74 anos declaran estar expostos a este carcinóxeno ambiental, ben de xeito diario ou ocasional. A prevalencia de exposición na mocidade segue a ser moi elevada, estando isto provocado pola exposición ocasional no lecer, se ben as horas de exposición ocasional son poucas.
Estilos de vida saudables e espazos sen fume
A Consellería de Sanidade segue a traballar na potenciación dos estilos de vida saudables e, deste xeito, ten en marcha numerosas iniciativas entre as que cabe subliñar o Programa Galego de Actividade Saudables, Exercicio e Alimentación (PASEA); ou a iniciativa Concellos Saudables, mediante a que estanse a impulsar as medidas recollidas no Plan de Saúde de Galicia, relativas á prevención das enfermidades cardio e cerebro vasculares, a obesidade, a diabete, a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, así como a diversos cancros.
Así mesmo, cómpre destacar a instalación de carpas informativas en numerosos concellos da nosa xeografía, nas que as galegas e galegos que as visitan reciben, por parte de técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública, unha valoración da súa condición física e un consello personalizado sobre hábitos de alimentación e de actividade física saudable.
Así mesmo, o departamento que dirixe María José Rubio Vidal está a promocionar os espazos sen fume como espazos de convivencia, posto que considera que é o momento de que a sociedade en conxunto faga valer o seu dereito a gozar de contornos libres de fume de tabaco.